A infanta Cristina acaparou titulares este mércores despois de que a revista Lecturas publicase que preparaba o seu divorcio de Iñaki Urdangarin, o seu marido durante 21 anos e actualmente en prisión polo caso Nóos. Unha información que foi categoricamente desmentida polo avogado da filla dos Reis eméritos, Miquel Roca. "É falso. É unha información sen ningún fundamento e moi afastada da realidade", declarou o letrado a revista Semana.
Segundo a publicación de Lecturas, a infanta tería contactado cun avogado especializado en divorcios durante a súa estancia en Madrid. Engade a revista que as visitas da exduquesa de Palma ao seu marido, interno no cárcere de Brieva, "fóronse retardando".
A última vez que se viu á infanta Cristina en público foi o pasado venres, con motivo do 80 aniversario da raíña Sofía. A filla menor dos Reis eméritos participou na celebración privada e nun pousado ante os medios cos seus fillos, os seus pais, a súa irmá, sobriños e os actuais monarcas, Felipe e Letizia.