A investigación da morte dun bebé nun coche apunta claramente a un descoido

Cando a nai acudiu á gardería recoller á súa filla e lle dixeron que ese día ninguén a levara, chamou ao pai, que esquecera á menor no coche

As primeiras investigacións ao redor da morte dun bebé de 21 meses en Madrid despois de pasar varias horas no interior dun vehículo apuntan claramente a que foi un descoido do pai. Segundo informan a Efe fontes policiais, cando a nai acudiu á gardería recoller á súa filla e lle dixeron que ese día ninguén a levara, chamou ao pai.

A súa primeira resposta foi que si a deixou na gardería, cando en realidade a nena quedou esquecida dentro do coche. O informe preliminar da autopsia apunta a que a pequena morreu por deshidratación. O pai, en estado de shock, non puido prestar nun principio declaración ante a policía.

Segundo sinala El Mundo, cando estivo en condicións de facelo explicou que recibiu unha chamada de traballo no momento no que tiña que deixar á nena na gardería: "Chamáronme por teléfono e despisteime", confesou aos axentes. Este venres foi posto en liberdade á espera de que o xuíz o cite a declarar acusado dun homicidio imprudente.

O suceso ocorreu o luns no distrito madrileño de Hortaleza, na rúa Ana de Austria; o home, de 43 anos, aparcou o seu coche, un monovolume cos cristais tintados, pechouno e foi traballar, sen acordarse de que non deixara á nena na gardería.

A nai, de 39 anos, foi recoller á súa filla ao redor das 15.00 horas e cando os responsables da gardería lle dixeron que a nena non chegara esa mañá ao centro, atopouna no coche. A investigación recaeu no xulgado de instrución número 14 de Madrid, que se encargou do levantamento do cadáver.