O ministro de Transporte italiano, Danilo Toninelli, anunciou que será obrigatorio levar cadeiras con sensor para previr o esquecemento do neno nos vehículos, para o que se estudará unha dedución fiscal de ata 200 euros por familia.
O ministro do Movemento 5 Estrelas (M5S) anunciou a medida que cambiará o código de circulación italiano nunha entrevista na emisora Radio24, aínda que non deu datas. "Creo que as poucas decenas de euros máis que as nais e pais pagarán por isto se gastarán con alegría", dixo o ministro.
Algunhas novas cadeiras de coche para nenos inclúen un sensor que emite unha alarma no caso de que se peche a porta do coche mentres o neno está aínda sentado.
No Parlamento italiano existe xa un decreto lei que quedou sen aprobar na pasada lexislatura e que prevía xa, entre outras medidas de circulación, a obrigatoriedade deste tipo de cadeiras con sensores.
Nos últimos anos, en Italia producíronse algúns casos de nenos falecidos dentro do coche polo esquecemento dos seus pais.