Junqueras defende que non se pare a negociación co PSOE aínda que el siga en prisión

O líder de ERC di que "en ningún caso" o seu proceso debe afectar o diálogo entre o seu partido e os socialistas
Oriol Junqueras. EFE
photo_camera Oriol Junqueras. EFE

O presidente de ERC, Oriol Junqueras, condenado a 13 anos de prisión polo Tribunal Supremo, avogou por non deter a negociación co PSOE "en ningún caso".

Así o afirma nunha entrevista a Catalunya Ràdio, concedida xusto antes de que ERC anunciase que non volverá reunirse co PSOE para tratar a investidura de Pedro Sánchez ata coñecer a postura do Goberno sobre a sentencia do Tribunal de Xustiza da UE que recoñece a inmunidade de Junqueras e ver "como actúa a Avogacía do Estado".

Segundo Junqueras, "non debe deterse a negociación en ningún caso. Hai que estar disposto a dialogar sempre, con todos, sempre, independentemente de que estea ou non no cárcere. Porque debemos traballar para protexer e coidar os dereitos de todas as persoas. Non facelo sería traizoarnos a nós mesmos", argumentou.

Sobre o contido dunha futura mesa de negociación para abordar o conflito catalán, sinalou: "Nós non lle dicimos ao PSOE que non defenda a unidade de España e eles non nos poden dicir a nós que quitemos da mesa negociadora o dereito de autodeterminación".

"O dereito de autodeterminación sempre, sempre, defenderémolo", insistiu.

Comentarios