O Goberno de Maduro denuncia un golpe de estado con Guaidó e López nunha base aérea

Leopoldo López abandonou o seu arresto domiciliario cun indulto do autoproclamado presidente Juan Guaidó

Leopoldo López, tras ser liberado en Caracas. RAYNER PEÑA (EFE)
photo_camera Leopoldo López. EP

O opositor venezolano Leopoldo López foi liberado este martes en Caracas, onde cumpría unha pena de case 14 anos de prisión en réxime de arresto domiciliario, como consecuencia dun "movemento militar e civil", anunciou a Efe o seu pai.

Foi liberado cun "indulto presidencial" de Juan Guaidó, recoñecido como presidente encargado de convocar eleccións libres por decenas de países europeos e americanos, segundo confirmou o pai de López en declaracións telefónicas desde Boston (EEUU).

"Hoxe comeza a operación liberdade en toda Venezuela" para "acabar coa usurpación" de Nicolás Maduro, subliñou o pai do opositor.

Tamén confirmou que o seu fillo se atopa con Guaidó nunha base militar do país.

Líder de Vontade Popular, López entregouse ás autoridades venezolanas o 18 de febreiro de 2014, despois de que un tribunal de Caracas ordenase detelo por instigar á violencia como un dos convocantes dunha manifestación que terminou con tres mortos e decenas de feridos seis días antes.

Foi a unha prisión militar acusado dos delitos de instigación pública, asociación para delinquir, danos á propiedade e incendio. Acabou condenado en setembro de 2015 a case 14 anos de prisión, que cumpre actualmente en arresto domiciliario.

O Goberno de Maduro asegura que fai fronte a un golpe de estado
O ministro de Comunicación de Venezuela, Jorge Rodríguez, informou este martes que o Goberno de Nicolás Maduro está "a enfrontar e desactivando" un plan golpista en alusión ao pronunciamiento feito polo líder opositor, Juan Guaidó, desde unha base aérea militar. "Informamos ao pobo de Venezuela que nestes momentos estamos a enfrontar e desactivando a un reducido grupo de efectivos militares traidores que se situaron no Distribuidor Altamira para promover un Golpe de estado contra a Constitución e a paz da República", indicou o ministro.

O presidente do Parlamento venezolano anunciara que "a familia militar dunha vez deu o paso" para unirse a el e conseguir "o cesamento definitivo da usurpación" que considera que Nicolás Maduro fai do Goberno. "O Primeiro de Maio, o cesamento definitivo da usurpación empezou", asegura nun vídeo publicado na súa conta de Twitter e no que se lle pode ver xunto a un grupo de militares na base de La Carlota, no leste de Caracas.

"Son moitos os militares. A familia militar dunha vez deu o paso. A todos os que nos están escoitando: é o momento, o momento é agora, non só da calma senón da coraxe e a cordura para que chegue a calma a Venezuela, Deus vos bendiga, seguimos adiante. Imos recuperar a democracia e a liberdade en Venezuela", sostén Guaidó.

Comentarios