Morre en Eivissa o multimillonario luso Pedro Queiroz

O empresario sufriu un infarto a bordo do seu iate privado

Pedro Queiroz. YOUTUBE
photo_camera Pedro Queiroz. YOUTUBE

O empresario portugués Pedro Queiroz Pereira, un dos máis importantes do país e dono da papeleira Navigator e a cementeira Secil, faleceu o pasado fin de semana aos 69 anos cando estaba de vacacións en Eivissa.

A súa morte, recollida este luns nas portadas dos principais diarios portugueses, produciuse a madrugada do sábado cando se atopaba no seu iate privado na illa.

A autopsia realizada este luns no Instituto Anatómico Forense de Eivissa revela que o magnate sufriu un infarto, desvaneceuse e caeu polas escaleiras da embarcación.

Queiroz Pereira tiña unha fortuna valorada en preto de 780 millóns de euros, a sétima maior de Portugal.

O presidente luso, Marcelo Rebelo de Sousa, publicou unha nota na web oficial da Presidencia na que enviou as condolencias á familia do "gran industrial portugués".