Pedro Sánchez anuncia que as eleccións se celebrarán o próximo 28 de abril

O presidente do Goberno confirma as sospeitas sobre a celebración de comicios antes das municipais

Pedro Sánchez. CHEMA MOYA (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez. CHEMA MOYA (EFE)

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores a convocatoria de eleccións xerais para o próximo 28 de abril pondo así fin a unha controvertida lexislatura de dous anos e dez meses de duración. Sánchez chegou á Moncloa cunha moción de censura, tras desaloxar a Mariano Rajoy e gobernou ata o día de hoxe tan só oito meses, presidindo o goberno máis breve da democracia.

O xefe do Executivo decidiu adiantar as eleccións despois de que o Congreso rexeitase esta mesma semana o seu proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2019. É a segunda vez que ocorre, a primeira foi 1995 con Felipe González, provocando tamén a convocatoria de eleccións anticipadas.

As últimas eleccións xerais celebráronse o 26 de xuño de 2016, tendo que ser convocadas polo Rei nunha situación insólita ante a incapacidade dos grupos parlamentarios para apoiar a investidura dun presidente do Goberno tras os comicios de decembro de 2015.

Tras estas segundas eleccións de xuño de 2016, Mariano Rajoy foi investido presidente do Goberno en outubro dese ano con maioría simple en segunda volta, con apoio do PP, Ciudadanos, Coalición Canaria, UPN e Foro Asturias; e a abstención de gran parte dos deputados do PSOE.

Esta postura dos socialistas provocou que Pedro Sánchez deixase o escano no Congreso, aínda que recuperaría o liderado do partido nas primarias que os socialistas celebraron en maio de 2017 impóndose en primarias á entón presidenta andaluza, Susana Díaz, e ao histórico dirixente vasco Patxi López.

Un ano despois de erixirse de novo como líder dos socialistas, Sánchez deu o paso de presentar unha moción de censura contra Mariano Rajoy tras a sentenza da Audiencia Nacional condenando ao PP como partícipe a título lucrativo da trama Gürtel.

A moción foi debatida no Congreso os días 31 de maio e 1 xuño de 2018 e foi aprobada con 180 votos a favor, 169 en contra e 1 abstención. Votaron a favor os deputados do PSOE, Unidos Podemos, ERC, PNV, PDeCAT, Compromís, Bildu e Nueva Canarias. Oito meses despois, Sánchez anunciou a convocatoria de eleccións xerais pondo así fin ao Goberno máis breve da democracia. Os comicios do 28 de abril serán as décimo cuartas eleccións desde a Transición e as terceiras de Felipe VI como Rei.

Comentarios