Podemos tende a man ao PSOE, que non pecha a porta a Ciudadanos

Despois das eleccións, empeza a falarse dos pactos para formar Goberno

Pedro Sánchez celebrando la victoria del PSOE JUANJO MARTÍN
photo_camera Celebración da vitoria do PSOE en Ferraz. JAVIER LÓPEZ (EFE)

Os pactos poselectorais empezan a mascullarse logo das eleccións deste domingo. A vitoria de Pedro Sánchez con 123 deputados déixalle a man aberta para estreitala a Ciudadanos ou Podemos. 

A formación laranxa sentou unha base sólida na precampaña coa que quixo mandar unha mensaxe clara ao seu electorado: pór un cordón sanitario xa que Albert Rivera e os seus consideraban que o pacto alcanzado polos socialistas cos independentistas cataláns para que o apoiasen na moción de censura era inaceptable. Desta forma, mobilizou aos votantes conservadores da dereita que se cansaron da corrupción do PP e aos que tampouco convencía a deriva dos populares e moito menos de Vox. A estratexia saíu ben ao partido de Albert Rivera, que viu como pasaba de 32 a 57 deputados.

En Podemos, a pesar de perder case trinta escanos (pasaron de 71 a 42), o paradoxo é que teñen a posibilidade de entrar no Goberno. Pablo Iglesias nunca escondeu durante a campaña a súa intención de formar parte dun Executivo liderado polos socialistas. Esta vez o sorpasso ao PSOE non foi mencionado nin de lado xa que a formación morada non auguraba uns bos resultados que ao final foron incluso mellores debido a unha campaña na que parecen que conquistaron a algún que outro elector.

O PSOE sumaría con Ciudadanos os suficientes deputados como para formar Goberno, aínda que o pacto non parece fácil pois Rivera daba este domingo por feito que formaría parte da oposición. A outra alternativa, a de Podemos, parece máis aberta coa axuda dos nacionalistas. Niso tamén lle saíu ben a noite a Pedro Sánchez xa que esta vez non necesita dos votos dos partidos independentistas cataláns para converterse en presidente do Goberno, algo que o libera da necesidade de negociar unha saída ao conflito en Cataluña en forma de referendo. Parte do electorado socialista non está disposto a falar de que os cataláns voten sobre o seu futuro.

Ferraz envioulle este domingo durante a celebración dos resultados unha mensaxe ao seu líder: "Con Rivera, non". Aínda que Pedro Sánchez non pareceu recibir a mensaxe con claridade: "Nós non pomos cordóns sanitarios".

A opción de gobernar en minoría
A presidenta do PSOE, Cristina Narbona, afirmou este luns que o seu partido non descarta gobernar en minoría despois do seu triunfo nas eleccións xerais, nas que logrou 123 escanos, aínda que apuntou que "non hai ningunha présa" á hora de tomar decisións sobre as posibles opcións.

Narbona, en declaracións en RNE, subliñou que España necesita "un goberno forte" e "un horizonte de estabilidade" para acometer os desafíos que hai por diante, sen dar pistas de se o líder do PSOE, Pedro Sánchez, inclinarase por un goberno con Unidas Podemos ou por buscar o apoio de Ciudadanos.

"Non cabe descartar nestes momentos ningunha opción. Non hai ningunha présa no sentido de tomar nin hoxe, nin mañá, ningunha decisión", dixo a dirixente socialista.

Segundo Narbona, "a mellor opción é ter un goberno forte, que poida levar adiante o programa electoral" cun amplo consenso con outras forzas.

Comentarios