A Policía conclúe que a muller morta en Caixaforum suicidouse

A muller decidiu arroxarse ao baleiro polo oco da escaleira desde a cuarta planta do centro

Caixaforum. EFE
photo_camera Caixaforum. EFE

Unha muller de 59 anos faleceu este luns tras precipitarse desde a cuarta planta da escaleira interior do Caixaforum. Tras comprobar as imaxes das cámaras de seguridade do centro cultural, a Policía Nacional concluíu que se suicidou. Así o aseguraron a Efe fontes policiais que indicaron que a muller, que ía soa e con documentación, decidiu arroxarse ao baleiro polo oco da escaleira desde a cuarta planta do centro, situado no número 36 do Paseo do Prado de Madrid.

O suceso ocorreu ao redor das 18.30 horas precisamente cando no Caixaforum concluía un acto en conmemoración do Día Internacional da Muller presidido pola vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, xunto con outras sete ministras.

Á saída do evento, no que se entregaron os recoñecementos á Igualdade 2019 que concede o Instituto da Muller, escoitouse un forte golpe debido a que unha persoa se precipitou ao baleiro polo oco da escaleira desde a cuarta planta do edificio.

A muller caeu sobre unha lámina de auga dunha fonte ornamental do centro cultural, segundo puido comprobar Efe, e quedou inconsciente. Sanitarios do Samur-Protección Civil practicaron manobras de reanimación á vítima sen éxito e confirmaron o falecemento.

A Policía Nacional abriu unha investigación por se puidese tratarse dun accidente ou que fora empuxada ao baleiro por alguén pero finalmente, e tras visionar as cámaras de seguridade, os axentes determinaron que a muller se subiu á varanda da escaleira e lanzouse ao baleiro.