A princesa Leonor intervirá por primeira vez lendo a Constitución

Participará nunha lectura xunto ao Rei con motivo do 40 aniversario da Carta Magna

A princesa Leonor. EFE
photo_camera A princesa Leonor. EFE

A princesa Leonor intervirá por primeira vez nun acto oficial o vindeiro mércores, día do seu 13 aniversario, coa lectura, xunto ao Rei, dun extracto da Constitución nunha sesión organizada polo Goberno con motivo do 40 aniversario da Carta Magna.

O Rei será o primeiro en recitar un dos artigos e, a continuación, farao a Princesa de Asturias e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, informa o Executivo nun comunicado.

Na lectura conxunta que se vai a celebrar na sede do Instituto Cervantes de Madrid, tamén participarán os representantes das Cortes Xerais, o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas, e o do Tribunal Supremo, Carlos Lesmes.

Ademais dos representantes dos poderes do Estado, van ler os pais da Constitución —Miquel Roca, Miguel Herrero e Rodríguez de Miñón e José Pedro Pérez—Llorca- e representantes de institucións e organismos públicos, así como cidadáns e membros de colectivos sociais.

O acto conmemora a votación que tivo lugar o 31 de outubro de 1978 no Congreso, coa que quedou aprobado o texto constitucional que posteriormente se sometería a referendo o 6 de decembro.

Tamén vai coincidir co 13 aniversario da princesa Leonor, a quen acompañarán a raíña Letizia e a infanta Sofía. Non está prevista a asistencia do rei Juan Carlos e da raíña Sofía, que o 2 de novembro cumpre 80 anos.

A primeira intervención da Princesa de Asturias nun acto oficial é un fito máis no seu papel como herdeira da Coroa. A súa estrea como protagonista nun acto institucional tivo lugar o pasado 30 de xaneiro cando Felipe VI, que ese día cumpría 50 anos, impúxolle o Colar do Toisón de Ouro ante o resto da Familia Real. Foi nunha emotiva cerimonia no Salón de Columnas do Palacio Real, na que o Rei lle encomendou á súa filla: "Guiarasche permanentemente pola Constitución, cumpríndoa e observándoa".

O último xesto relevante tivo lugar no desfile militar do Día da Festa Nacional o 12 de outubro, cando dona Leonor sentou por primeira vez á dereita do Rei para facer patente a súa condición de herdeira.

Comentarios