O rei Juan Carlos anuncia a súa retirada da vida pública desde o 2 de xuño

Manterá a consideración de rei e o seu status como aforado

Juan Carlos I. AEP
photo_camera Juan Carlos I. AEP

O rei Juan Carlos anunciou a súa vontade e desexo de deixar de desenvolver actividades institucionais e completar a súa retirada da vida pública a partir do 2 de xuño ao cumprirse cinco anos da abdicación, segundo un comunicado da Zarzuela.

Don Juan Carlos comunicou ao seu fillo, Felipe VI, esta decisión mediante unha carta na que recorda que se cumpren cinco anos desa abdicación e subliña que cre chegado o momento de pasar "unha nova páxina na miña vida".

"Desde o ano pasado, cando celebrei o meu 80 aniversario, viñen madurando esta idea, que se reafirmou con motivo da inesquecible conmemoración do 40 Aniversario da nosa Constitución nas Cortes Xerais", engade na carta, na que asegura que se trata dunha "firme e meditada convicción". 

Manterá o seu status
Don Juan Carlos manterá a súa condición de membro da Familia Real, a súa consideración de rei e o status xurídico que tivo desde a súa abdicación hai cinco anos, a pesar de retirarse da vida pública e deixar de desenvolver actividades oficiais, informaron a Efe fontes do Palacio da Zarzuela.

O anuncio comunicado este luns pola Casa do Rei non afecta ao status de don Juan Carlos, que seguirá sendo aforado, como os parlamentarios e membros do Goberno.

O decreto que aprobou o Goberno en xuño de 2014 tras a abdicación establecía que don Juan Carlos e dona Sofía mantivesen o tratamento de rei e de raíña.

O pai de Felipe VI é ademais capitán xeral das Forzas Armadas na reserva.

No caso da raíña Sofía, Zarzuela apuntou que vai seguir desenvolvendo a súa actividade institucional como ata agora.

Coa proclamación de Felipe VI en xuño de 2014, a Familia Real pasou a estar formada polo xefe do Estado, a raíña Letizia, a princesa Leonor e a infanta Sofía, así como por don Juan Carlos e dona Sofía, tras quedar apartadas as infantas Elena e Cristina.

SOLDO. Desde a abdicación, Juan Carlos I protagonizou 119 actos oficiais de distinta índole.

Como membro da Familia Real, o anterior xefe do Estado tivo un soldo de 194.232 euros durante 2018 e contou cunha secretaría de apoio para a organización da súa axenda oficial.

Comentarios