Rusia debate unha lei que lle permitirá desconectarse da rede mundial de internet

A medida adoptaríase en caso de situacións de crises ou ataques cibernéticos contra o país

A Duma do Estado ou Cámara de Deputados de Rusia estuda este martes un proxecto de lei para garantir a estabilidade do funcionamento do segmento ruso de internet e a súa desconexión da rede mundial en caso de situacións de crises ou ataques cibernéticos contra o país.

A iniciativa, que conta co respaldo do Goberno, suscitou fortes reticencias nos operadores de internet, xa que a instalación dos equipos necesarios para a análise do tráfico requiren inxentes investimentos, que para as grandes compañías poden supor decenas de millóns de dólares.

Segundo os seus autores, de aprobarse o proxecto créase a posibilidade de minimizar "o fluxo ao estranxeiro de datos que intercambian os usuarios rusos".

Ademais, en caso de ameaza os operadores estarían obrigados a garantir a "xestión centralizada do tráfico", é dicir, o seu control polo Estado.

A iniciativa prevé a creación dunha infraestrutura que garanta o funcionamento do segmento ruso de internet no caso de que os operadores rusos non poidan conectarse cos servidores raíz estranxeiros.

Segundo o senador Andréi Klishas, un dos autores de proxecto de lei, de momento non é posible precisar unha lista exhaustiva das ameazas que podería levar a Rusia a desconectarse da rede mundial de internet.

"A relación destas ameazas pode conformarse mediante un test que levarán a cabo órganos do Estado, operadores de comunicacións e os propietarios das redes tecnolóxicas", dixo Klishas en declaracións á axencia oficial rusa RIA Nóvosti.

O presidente da Unión de Empresarios e Industriais de Rusia (Ueir), Alexandr Shoshin, advertiu que a posta en práctica das medidas que inclúe o proxecto podería levar ao colapso das redes de comunicación do país.

Ademais, a Ueir destacou que a estabilidade do funcionamento de internet no país en caso de desconexión coa rede mundial xa está garantida, pois Rusia conta con once servidores raíz, que son suficientes para cumprir con esa tarefa.

Comentarios