Suspendido o xuízo ao Pequeno Nicolás pola súa viaxe a Ribadeo por non ser seguro

Estaba previsto para os días 23, 24 e 25 de xuño
El pequeño Nicolás, a su llegada a la Audiencia de Madrid en mayo para ser juzgado. AEP
photo_camera O pequeno Nicolás, á súa chegada á Audiencia de Madrid en maio para ser xulgado. AEP

A Audiencia de Madrid suspendeu o xuízo previsto para xuño a Francisco Nicolás Gómez Iglesias, o Pequeno Nicolás, por facerse pasar por representante do Goberno nunha viaxe a Ribadeo, ao considerar que non é seguro na situación actual de pandemia e non poder garantir que asista o fiscal.

Nun auto datado en maio, ao que tivo acceso Efe, a Sección 17 da Audiencia madrileña suspende o xuízo previsto para os días 23, 24 e 25 de xuño por non considerar segura a súa celebración, "entre outras cousas por terse asignado o seu coñecemento a determinado membro do Ministerio Fiscal que habería de desprazarse desde fóra da Península, e non existindo seguridade de que no momento do señalamiento exista un transporte fluído".

Engade que tampouco está garantida unha infraestrutura que poida asegurar o cumprimento da denominada distancia social entre os membros do tribunal, entre os letrados ou os inculpados, e destes coas testemuñas.

A Fiscalía pide para o mozo sete anos de cárcere e unha multa de 81.000 euros

E solicita que se busque outra data para o xuízo oral contra o Pequeno Nicolás e dous policías municipais de Madrid que presuntamente o acompañaron na citada viaxe, despois de que o pasado 20 de maio de 2019 o mesmo xuízo se suspendese porque a letrada do principal acusado denunciou que recibira presións. Trátase da causa aberta contra Gómez Iglesias por presuntamente facerse pasar por un representante do Goberno e da Casa Real nunha viaxe a Ribadeo en agosto 2014, para organizar unha comida co empresario Jorge Cosmen. Foi acompañado polos dous axentes nunha comitiva de catro vehículos de alta gama.

A Fiscalía pide para o mozo sete anos de cárcere e unha multa de 81.000 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade en documento oficial e suborno activo. Para cada un dos policías solicita catro anos e dezaoito meses de prisión e multa de 4.500 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas e suborno pasivo. 

A acusación popular que exercen a Asociación de Policía Municipal Unificada de Madrid (APMU) e Podemos pide 11 anos de prisión para Gómez Iglesias; a Avogacía do Estado, 21 meses de cárcere e unha multa; e o Concello de Madrid reclama tres anos e medio de prisión. Ademais deste proceso, Francisco Nicolás ten pendentes outros dous para os que xa se decretou apertura de xuízo oral: un acusado de simular en 2014 que era asesor do Goberno para estafar a un empresario e outro por crear supostamente unha rede con policías e cargos políticos de Madrid para obter información policial e usala a cambio de favores. 

En 2018 foi absolto pola Audiencia Provincial dun delito de inxurias e calumnias ao CNI, e arquiváronse outras causas abertas contra el desde que foi arrestado o 14 de outubro de 2014 acusado de facerse pasar por membro do CNI e do Goberno. 

Comentarios