Valls seguirá como concelleiro en Barcelona e carga contra a estratexia "sectaria" de Cs

O exprimer ministro francés asegura que é "tempo de reflexión" ante a posibilidade de crear un novo partido español

Manuel Valls. ENRIC FONTCUBERTA
photo_camera Manuel Valls, na rolda de prensa deste mércores. ENRIC FONTCUBERTA (EFE)

O líder da plataforma BCN Canvi, Manuel Valls, cargou este mércores contra Cs e a súa estratexia, así como contra a súa postura ante Vox. E avisou: "Ademais de sectaria, é unha estratexia equivocada que provoca o sentimento de que se sacrificou Cataluña por vantaxes electorais no resto de España". 

O exprimer ministro francés asegurou no súa primeira rolda de prensa no consistorio de Barcelona que manterá o seu cargo como edil, dous días despois de que Cs anunciase a ruptura coa súa plataforma por apoiar a investidura da de novo alcaldesa, Ada Colau. Esta foi a primeira intervención de Valls logo da ruptura, pola que Cs creará un grupo propio no Concello no que tamén se integrará como independente o exministro socialista Celestino Corbacho, tras unha decisión que Valls cualificou de "incomprensible", aínda que dixo que a respecta e rexeitou entrar en máis críticas sobre el. 

Garantiu que continuará como concelleiro na oposición en Barcelona, aínda que sexa desde unha posición modesta —con el e Eva Parera no seu grupo— e asegurou que o seu compromiso sae reforzado dos últimos acontecementos: "Aspiro a resultar útil á miña cidade", a Cataluña e ao resto de España e Europa. 

Valls dixo que compartía moito con Cs pero aos poucos "o partido foise convertendo nun partido diferente", e que nalgúns momentos o seu compromiso con Barcelona foi o único que o freou para romper co partido tras as eleccións andaluzas. Insistiu, ademais, en que foi un erro a foto da manifestación na praza Colón de Madrid con Vox.

"CANTO PEOR, PEOR". "A estratexia do 'canto peor, mellor' é unha estratexia equivocada e perigosa, que ademais deixou orfas todas as persoas que o 21-D outorgaron a súa confianza á mensaxe de coraxe e firmeza de Inés Arrimadas", aseverou Valls, quen advertiu de que esta estratexia non funciona. 

"Non. Canto peor, peor. É dunha enorme irresponsabilidade ir buscar sempre ou esperar o peor. A tensión e o conflito sen propoñer nunca unha alternativa non conducen a ningún sitio", segundo Valls, que avisou de que multiplicar declaracións a prensa non é un proxecto político. Subliñou, ademais, que a ruptura é por un problema político e non por un persoal co presidente de Cs, Albert Rivera

Valls asegurou que moitos de Ciudadanos son liberais, progresistas e europeístas, "pero Cs converteuse no partido que pacta de feito cunha formación iliberal, reaccionaria e antieuropea", e advertiu de que non vale esconderse tras o PP e que cada un é responsable dos seus actos, tanto en Barcelona como en Madrid. Tamén criticou os pactos en Badalona e Navarra. 

¿NOVO PARTIDO? O líder da plataforma BCN Canvi defendeu que é necesaria unha posta ao día da estratexia do constitucionalismo e expresou o seu compromiso nesta tarefa. En canto a se prevé crear un novo partido político, descartouno en Cataluña pero, ao ser preguntado por se o prevé a nivel de toda España, dixo que "é tempo para a reflexión" pero que este non é agora o debate. 

Comentarios