Willy Toledo irá a xuízo este luns por un delito de ofensa aos sentimentos relixiosos

A Fiscalía e a súa defensa solicitan a absolución ao enmarcar os seus insultos a Deus e á Virxe dentro da liberdade de expresión
Willy Toledo. ZIPI
photo_camera Willy Toledo. ZIPI

O actor Willy Toledo, acusado duns delitos contra a liberdade de conciencia e de ofensa aos sentimentos relixiosos e outro delito de obstrución á xustiza, sentará no banco este luns 17 de febreiro, ás 11.30 horas no xulgado do Penal número 26 de Madrid. A asociación Abogados Cristianos interpuxo unha denuncia contra o intérprete por unhas mensaxes publicadas no seu perfil da rede social Facebook en 2015 e 2017 nos que insultaba a Deus e á Virxe, e pide 22 meses de multa para el.

Pola súa banda, a Fiscalía e a súa defensa piden a súa absolución por este feito, ao situalos no marco da liberdade de expresión. "Atopámonos ante expresións que, aínda que poden resultar malsonantes, incluso ofender a algunhas persoas, están amparadas pola liberdade de expresión, máxime no contexto de crítica política no que son pronunciadas. Se todas as expresións que ofenden a alguén fosen constitutivas de delito, habería máis persoas dentro das prisións que fóra", apunta o avogado de Willy Toledo, Endika Zulueta. 

O seu avogado confía en que sexa a última persoa axuizada en España por un delito relixioso

Nun comunicado, o avogado reivindicou a despenalización do delito contra os sentimentos relixiosos e criticou a postura da asociación de Abogados Cristianos. "Sitúase nas antípodas da defensa da liberdade de expresión, formulando unha acusación máis acorde cos parámetros manexados no seu momento pola Santa Inquisición, que polos que se corresponde a un Estado aconfesional do século XXI e, paradoxalmente, nada que ver coa esencia dos valores cristiáns", incidiu. 

Neste sentido, mostrouse "convencido" de que Toledo "resultará finalmente absolto" e con confianza de que o actor "sexa a última persoa axuizada" en España por un delito relixioso que, ao seu xuízo, "debía estar fóra do Código Penal, polo menos, desde 1978". 

Durante a fase de instrución, Willy Toledo foi chamado a declarar en tres ocasións. Tras non acudir ás dúas primeiras citacións por considerar que non cometera "delito algún" senón que exercera a súa liberdade de expresión", o pasado 12 de setembro foi detido pola Policía para asegurar a súa comparecencia nos xulgados. 

O xuíz do xulgado número 11 de Madrid concluíu no seu auto, feito público o 26 de setembro, que o feitos obxecto de instrución poderían ser "constitutivos dun delito contra os sentimentos relixiosos", facendo alusión ao artigo 525 do Código Penal. 

Comentarios