Un xulgado reactiva de forma temporal as multas en Madrid Central

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace pediran un recurso contencioso administrativo

Madrid Central. AEP
photo_camera Madrid Central. AEP

O Xulgado de instrución número 24 de Madrid paralizou preventivamente a moratoria das multas en Madrid Central, como pediran este mesmo venres nun recurso contencioso administrativo Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, cinco días despois da entrada en vigor da suspensión polo alcalde José Luis Martínez Almeida (PP).

Neste auto, ao que tivo acceso Efe, adóptase a medida cautelar "provisionalísima" de inmediato "cumprimento", á vez que dá ao Concello un prazo de tres días para "alegar por escrito o que estime procedente". 

O maxistrado sinala que, de non adoptar a suspensión cautelar, perderíase a "finalidade lexítima ao recurso", dado que se produciu unha "evidente emisión de gases contaminantes" na zona de Madrid Central por mor da "entrada de vehículos contaminantes non autorizados, que ao non ser sancionados durante o período de aviso entrarán sen limitación nin control ningún".

Neste auto acórdase tamén a apertura dunha peza separada para entrar no fondo do asunto, pois o maxistrado non o fai co fin de adoptar esta suspensión cautelar.

Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, en nome da Plataforma en Defensa de Madrid Central, interpuxeran este venres pola mañá un recurso contencioso administrativo solicitando unha cautelarísima para paralizar de forma inmediata a moratoria ás sancións económicas, que arrincou o pasado 1 de xullo e que se estendía ata o 30 de setembro. 

Desta forma, o xulgado devolve Madrid Central ao seu estado orixinal, polo que os condutores que accedan indebidamente a esta área de baixas emisións recibirán a sanción en vigor ata o pasado luns, 1 de xullo.

Comentarios