A Xustiza alemá decide extraditar a Puigdemont só por malversación

A Audiencia territorial de Schleswig-Holstein deu a orde este xoves pero aínda non apunta datas concretas nin un período no que se deba levar a cabo

Carles Puigdemont. HAYOUNG JEON (EFE)
photo_camera Carles Puigdemont. HAYOUNG JEON (EFE)

A Audiencia territorial de Schleswig-Holstein decidiu este xoves extraditar a España ao expresidente catalán Carles Puigdemont por un presunto delito de malversación de fondos, pero non por un presunto delito de rebelión.

O tribunal indicou así mesmo que non percibe inconvenientes ou impedimentos á extradición de Puigdemont, aínda que non apunta datas concretas nin un período no que se deba levar a cabo esta operación, un proceso que deberá executar a fiscalía.

Ademais, decidiu que Puigdemont non entre en prisión preventiva, desatendendo a petición da fiscalía, xa que "sempre" cumpriu coas obrigacións derivadas do seu estado actual de liberdade baixo fianza

O tribunal indicou nun comunicado que considera "non admisible" extraditar ao líder soberanista por rebelión, como solicitara o xuíz Pablo Llarena do Tribunal Supremo español, reiterando os argumentos que xa expuxera previamente, nos que apuntaba que non se produciu o grao de violencia "suficiente".

Tampouco admite o delito de perturbación da orde pública, que expuxo tamén a Xustiza española no caso de que non se admitise finalmente o delito de rebelión.

Con todo, a Audiencia territorial de Schleswig-Holstein si que considerou "admisible" a petición de extradición por un presunto delito de malversación de fondos públicos en relación coa organización do referendo ilegal do 1 de outubro.

O escrito do tribunal asegura que Puigdemont puido ter unha "corresponsabilidade" en decisións que supuxeron unha carga para as arcas públicas, un extremo que, no entanto, subliña que se deberá sustanciar nun xuízo en España.

A Audiencia desdeñou así mesmo os argumentos da defensa do líder soberanista, que pedía non extraditar a España a Puigdemont porque era un perseguido político e non ía poder ter alí un xuízo xusto.

A Audiencia Territorial de Schleswig-Holstein asegura que ten unha "confianza ilimitada" en que a Xustiza española actuará neste caso dentro dos estándares que se esperan da "comunidade de valores" e do "espazo de dereito común" da Unión Europa.

Comentarios