O plan 'Catedrais 2021-2027' achegará 38 millóns para acondicionar oito templos

O obxectivo é que os traballos en seis catedrais galegas e outras dúas concatedrais estean terminados para o Xacobeo 2027
Catedral de Santiago. ARCHIVO
photo_camera Catedral de Santiago. DP

O Plan Catedrais de Galicia 2021-2027 ten un orzamento de 38 millóns de euros, que se destinarán a restaurar parte das catedrais de Santiago de Compostela, San Martiño de Mondoñedo (Foz), Santa María de Lugo, Virxe da Asunción de Mondoñedo, San Martiño de Ourense, Santa María de Tui e ás concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo, co obxectivo de que todos os monumentos poidan chegar en bo estado ao Xacobeo 2027. 

Así o asegurou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, este venres durante a presentación do plan na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela). Xunto a el, acudiron a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, e varios representantes de dioceses galegas. 

Hai un total de 60 proxectos previstos neste plan, que non incumben estritamente ao interior dos emprazamentos senón tamén a xardíns, museos, arquivos, etc. 

Os traballos tiveron como punto de partida a catedral de Santiago de Compostela –as intervencións inacabadas actuais están incluídas dentro do plan–, obra que Román Rodríguez cualificou como "fazaña técnica". 

Hai un total de 60 proxectos previstos neste plan

Deste xeito, o conselleiro resaltou que as catedrais constitúen un destino "potente" para atraer peregrinaxe e supoñen "riqueza económica", ademais de "emocional".

REPARTO DE FONDOS E REFORMAS CATEDRALICIAS. O investimento provén de fondos propios que se reparten de forma "proporcionada". Así, na catedral de Santiago investiranse 6.500.000 euros para reformar a Torre do Reloxo, a balconada da praza do Obradoiro ou as cubertas do claustro, entre outras. 

Con respecto a Lugo, a catedral de Santa conta con 6.990.000 euros para rehabilitar o edificio claustral, o retablo de Fernando de Casas ou a sancristía. 

Ademais, o edificio da Virxe da Asunción, en Mondoñedo, recibe unha partida de 6.520.000 euros para traballos que afectan á instalación eléctrica, o palacio episcopal ou o museo catedralicio. 

Por outra banda, a catedral en pé máis antiga de España, San Martiño de Mondoñedo (Foz), contará con obras de mantemento como resolución de humidades ou arranxo das pinturas murais do presbiterio, para o que contará con 450.000 euros

En Ourense, o monumento de San Martiño reformará, "principalmente", as súas fachadas, unha intervención que "xa comezou", segundo asegura o tenente alcalde de Ourense, Armando Ojeda. 

O obxectivo é que os traballos estean listos para o Xacobeo 2027

Na catedral de Santa María de Tui, os 9.361.000 euros que se perciban serán investidos en restaurar a fachada norte, o pórtico, o mobiliario histórico-artístico e o museo do palacio episcopal, entre outros. 

CONCATEDRAIS DE FERROL E VIGO. Nesta liña, as concatedrais galegas tamén acollerán reformas de mantemento, principalmente. 

Deste xeito, San Xiao de Ferrol conta cun orzamento de 850.000 euros para mellorar o pavimento, escaleiras ou o coro. No que respecta a Santa María de Vigo, as obras serán íntegras dedicadas ao mantemento do lugar e destinaranse para as mesmas un total de 500.000 euros.

"COMPROMISO" COA CONSERVACIÓN DAS CATEDRAIS. A directora xeral de Patrimonio Cultural resaltou o seu "compromiso" con manter os catedralicios e afirmou que, ademais de contar con plans redactados para todos os monumentos, posúen tamén estudos de conservación das arquitecturas. 

Así as cousas, a directora xeral apuntou que a listaxe inicial de actuacións previstas é "susceptible" de sufrir actualizacións en función das "prioridades".

Comentarios