A RAG lanza un libro sobre os nomes de lugares do Camiño de Santiago

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. CABALAR (EFE)
O volume recompila as achegas presentadas no Museo de Pontevedra, no marco da VI Xornada de Onomástica Galega por dez especialistas que profundaron na toponimia das rutas xacobeas

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) lanzou este mércores un libro sobre os nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago, dispoñible en copia dixital na web da institución

Segundo informa a RAG nun comunicado, o volume recompila as achegas presentadas no Museo de Pontevedra, no marco da VIN Xornada de Onomástica Galega por dez especialistas que profundaron na toponimia das rutas xacobeas.

A edición correu a cargo da académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadoras das xornadas de onomásticas que a RAG celebra desde 2016 coa colaboración do Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago arrinca co percorrido de Anselmo López Carreira, historiador da Galicia medieval, sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España ao longo da Idade Media.

O filólogo José María Anguita achega argumentos que reforzan a teoría do académico electo Gonzalo Navaza, quen propón que a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria.

Sandra Beis examina a fértil descendencia de Iacobus en nomes, apelidos e topónimos peninsulares e Pilar Cagiao, especialista en historia de América, segue a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana desde as viaxes de Colón.

No apartado das experiencias didácticas, María Carmen

  • e Luciano Fernández Martínez presentan dous proxectos desenvolvidos no CEIP Agro do Muíño e do IES do Milladoiro, no concello de Ames (A Coruña), por onde discorre o Camiño Portugués, o de Fisterra-Muxía e un terceiro que se pretende revitalizar, o da ría de Muros e Noia.

    O volume finaliza coas intervencións e o debate da mesa redonda sobre os nomes de lugares no Camiño.