A RAG lanza un libro sobre os nomes de lugares do Camiño de Santiago

O volume recompila as achegas presentadas no Museo de Pontevedra, no marco da VI Xornada de Onomástica Galega por dez especialistas que profundaron na toponimia das rutas xacobeas
El presidente de la Real Academia Galega, Víctor Freixanes. CABALAR (EFE)
photo_camera O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. CABALAR (EFE)

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) lanzou este mércores un libro sobre os nomes dos lugares que atravesa o Camiño de Santiago, dispoñible en copia dixital na web da institución

Segundo informa a RAG nun comunicado, o volume recompila as achegas presentadas no Museo de Pontevedra, no marco da VIN Xornada de Onomástica Galega por dez especialistas que profundaron na toponimia das rutas xacobeas.

A edición correu a cargo da académica de número Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez, coorganizadoras das xornadas de onomásticas que a RAG celebra desde 2016 coa colaboración do Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra.

Estudos de Onomástica Galega VI. A onomástica e o Camiño de Santiago arrinca co percorrido de Anselmo López Carreira, historiador da Galicia medieval, sobre a evolución semántica dos nomes Galicia e España ao longo da Idade Media.

O filólogo José María Anguita achega argumentos que reforzan a teoría do académico electo Gonzalo Navaza, quen propón que a orixe do topónimo A Coruña, Crunia, estaría nunha mala tradución de Cauria.

Sandra Beis examina a fértil descendencia de Iacobus en nomes, apelidos e topónimos peninsulares e Pilar Cagiao, especialista en historia de América, segue a propagación do nome do apóstolo na toponimia na colonización americana desde as viaxes de Colón.

No apartado das experiencias didácticas, María Carmen e Luciano Fernández Martínez presentan dous proxectos desenvolvidos no CEIP Agro do Muíño e do IES do Milladoiro, no concello de Ames (A Coruña), por onde discorre o Camiño Portugués, o de Fisterra-Muxía e un terceiro que se pretende revitalizar, o da ría de Muros e Noia.

O volume finaliza coas intervencións e o debate da mesa redonda sobre os nomes de lugares no Camiño.

Comentarios