Turismo de Galicia subvenciona 87 proxectos para mellorar a contorna do Camiño

As actuacións supoñen unha mobilización de máis de 1,4 millóns de euros
Camino de Santiago. AEP
photo_camera Camiño de Santiago. AEP

O Diario Oficial de Galicia publica este martes a relación dos 87 proxectos beneficiarios da liña de subvencións habilitada por Turismo de Galicia para a mellora paisaxística e embelecemento dos bens e recursos situados no Camiño de Santiago.

O obxectivo é realizar intervencións sobre elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios situados na ruta xacobea así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado que permitan ofrecer a mellor imaxe do Camiño de Santiago, especialmente de face á celebración deste ano santo bianual, 2021-2022.

As actuacións que recolle esta liña de axudas supoñen unha mobilización de recursos de máis de 1,4 millóns de euros dos que Turismo de Galicia achega o 75 % do orzamento, preto de 1 millón de euros.

Nesta edición, un total de 31 concellos galegos e 56 particulares son beneficiarios con actuacións nos diferentes itinerarios do Camiño e nas catro provincias. 

Por provincias, Lugo conta con 31 proxectos concedidos; seguida da Coruña, con 24; Pontevedra, con 23 proxectos, e Ourense terá 11 actuacións beneficiarias, entre concellos e titulares de bens mobles ou inmobles, recursos ou elementos situados no trazado xacobeo.

Entre as actuacións figuran a mellora e humanización de áreas de descanso, zonas verdes e mobiliario na contorna do Camiño, acondicionamento de fontes, muíños, hórreos e áreas recreativas, así como embelecemento de vivendas, peches, valados, rehabilitación e acondicionamento de cubertas, revestimentos e edificios anexos ás vivendas. 

Comentarios