Alejandro Fernández inclúe Galicia na súa xira por España

O mexicano, o rei das rancheiras, ofrecerá un concerto o 6 de decembro no Coliseum da Coruña
Alejandro Fernández. AEP
photo_camera Alejandro Fernández. AEP

Alejandro Fernández, un dos maiores representantes actuais no mundo do xénero mariachi, volverá a España cunha nova xira co obxectivo de presentar o seu último disco de estudo, Hecho en México. As datas confirmadas son o día 27 de novembro no Palacio de Deportes Martín Carpena de Málaga, o día 28 no Recinto Feiral de Tenerife, o 5 de decembro no Bilbao Area Miribilla, o 6 no Coliseum da Coruña, o 8 no WiZink Center de Madrid e o 10 no Palau Sant Jordi de Barcelona.

Segundo informou a súa promotora, as entradas estarán á venda desde este venres, 14 de febreiro, a partir das doce do mediodía en Ticketmaster e El Corte Inglés.

O artista ademais debutará nesta xira europea por primeira vez en Londres e París, destinos que se unen a unha xira americana xa confirmada.

As entradas para os seis concertos que dará en España saen á venda o vindeiro venres a partir das doce do mediodía
 

O chamado Potrillo de México actuou por última vez en España en 2018, ano no que xa recalou en espazos como o coñecido popularmente como Palacio de Deportes da Comunidade de Madrid, cunha proposta na que recuperaba cancións románticas da década dos 70 e tamén a súa orquestra mariachi.

Con este formato, un dos que maior éxito lle proporcionou en directo e no estudo, regresa no seu décimo sexto álbum de estudo, que se publica este venres 14 de febreiro en todo o mundo, coincidindo coa celebración do Día dos Namorados.

O disco conta coa colaboración de autores como Christian Nodal, Luís Carlos Monroy, Jorge Massias e Mozo Elizalde, e foi gravado entre Barcelona, Los Ángeles e Nova York.

MARIACHI. Trátase dun disco que é 100 por 100 mariachi, pois contén once historias diferentes aínda que todas tratan o amor e o desamor, rendendo homenaxe a un xénero que soubo facer seu. 

Comentarios