Álex de la Iglesia dirixirá para HBO Europe unha nova serie de terror épico titulada 30 monedas, coescrita co seu guionista de cabeceira, Jorge Guerricaechevarría, segundo informou este luns a plataforma.
A serie constará de oito episodios e rodarase este ano. Segundo o director bilbaíno será "terror puro e duro, sen concesións" e conxugará "suspense, acción e misterio nas entrañas dun pobo da España profunda, estendéndose por todo o mundo".
30 monedas conta "a traxedia" do pai Vergara, un exorcista, boxeador e exconvicto exiliado nunha parroquia dun pobo remoto de España.
Paco, o inxenuo alcalde, e Elena, unha inqueda veterinaria, tratarán de desvelar os segredos do seu pasado e o significado da antiga moeda que Vergara mantén oculta, segundo a sinopsis.
Aos poucos, este insólito trío de heroes atoparase inmerso nunha conspiración global: a batalla polo control das trinta moedas polas que o apóstolo Xudas Iscariote traizoou a Jesús de Nazaret, unhas reliquias malditas pero posuidoras dun poder inimaxinable.
O director de películas como El bar ou Las brujas de Zagarramurdi —gañadora de oitos Goyas— asinou con anterioridade proxectos televisivos como a serie de ciencia ficción Plutón B.R.B. Nero ou o episodio La habitación del niño da antoloxía Películas para no dormir.
Segundo De la Iglesia, 30 monedas é o proxecto soñado de toda a súa vida. "Seres aberrantes, seitas malditas, segredos inconfesables xorden das gretas dunha realidade que xa só nos inspira desconfianza… Unha delicia para todos os que queren divertirse pasando medo".
A produción é de Pokeepsie Films, de Álex de la Iglesia e Carolina Bang, para HBO Europe e o lanzamento será simultáneo en todos os territorios de HBO Europe.