'Bernarda' destaca nos María Casares ao lograr catro premios

A gala deste ano foi substituída por unha entrega virtual
Xoque Carbajal. AAAG
photo_camera Xoque Carbajal. AAAG

A obra Bernarda, de Malasombra Producións, gañou catro galardóns dos XXIV Premios de Teatro María Casares: espectáculo, dirección e texto orixinal (ambos para Jose Prieto), así como actriz secundaria (Celia González). 

Este ano a tradicional gala de premios foi substituída por unha entrega virtual a través da rede, na que un total de 10 espectáculos foron premiados nas 14 categorías existentes. 

Pola súa banda, O meu mundo non é deste reino, de Teatro de Ramboia, leva os premios a mellor dirección para María Peinado —ex aequo con Jose Prieto— e de adaptación-tradución. 

Tamén se fixo con dous premios a obra Liberto, que consegue os de mellor actriz (Rocío González) e música orixinal (Lucía Aldao).

MÁIS PREMIADOS. Machi Salgado consegue o premio a mellor actor protagonista con Idiota, de Redrum Teatro. O premio para mellor actor secundario recae en Josito Porto, por MedidaxMedida (Producións Teatráis Excéntricas-FIOT). 

A mellor escenografía vaise a Marta Pazos por Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego). A categoría de espectáculo infantil é para Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro. 

Mentres, Laura Iturralde recolle o apartado de iluminación por O empapelado amarelo, da Quinta do Cuadrante. Carlos Pinilla obtén o de mellor vestiario con Despois das ondas, de ButacaZero. Así mesmo, Martina Cambeiro é a premiada co de maquillaxe por Vida de Cans, de Talía Teatro.

"A CONSELLERÍA DE CULTURA EMPUXOUNOS AO BALEIRO". Pola súa banda, a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Mónica García, encargouse de ler o discurso da xunta directiva no que reflexiona sobre que "todo cambiou" nestes tempos de pandemia, "tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos". 

Así, avisa de que "a seguridade da cultura debe incluír tamén a dos seus traballadores". "A administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empuxounos ao baleiro sen máis rede que un plan de reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente". 

"Apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os brotes se ían a suceder, en que os teatros se ían a pechar, en que nos ían a cancelar", lamenta en relación coa acción da Xunta. 

Ademais, Flor Maceiras recibiu o Premio de Honra Marisa Soto nun discurso no que asegura que o teatro "é un dereito da cidadanía", "non un privilexio". Por iso, empraza a que "ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento". 

Comentarios