A cantante Amaia prepara con "liberdade" un primeiro disco "moi persoal"

A cantante dixo que ten "ganas" de publicar o seu primeiro traballo e indicou que está centrada "cento por cento" neste proxecto

Amaia. JESÚS DIGES (EFE)
photo_camera Amaia. JESÚS DIGES (EFE)

A artista navarra Amaia Romero, gañadora do concurso musical Operación Triunfo e representante de España en Eurovisión, afirmou este xoves que está a traballar con "liberdade" para sacar un primeiro disco "moi persoal". Amaia dixo que ten "gañas" de publicar o seu primeiro traballo e indicou que está centrada "cento por cento" neste proxecto.

Manifestou que o disco "vai bastante ben" e que lle gusta "moito" este traballo "moi persoal", aínda que admitiu que as "expectativas" serán "un pouco altas" e non gustará "a todo o mundo". "Iso é imposible, pero o único que sei é que a min me vai gustar e espero que a vós tamén", dixo aos xornalistas presentes na rolda de prensa ofrecida no Teatro Gayarre.

Amaia sinalou que está a compor todas as cancións, tanto música como letra, e por iso lle está "custando", xa que ata este momento da súa carreira, antes de participar en Operación Triunfo, non se puxo a compor "en serio". "Quería que todo fora meu e estou bastante contenta. Hai moitas cousas que saíron que eran unha merda, pero outras que estaban ben", comentou con naturalidade.

A artista navarra, que se trasladou a Barcelona para seguir coa súa carreira, desvelou que o seu produtor é Raül Refree, do que destacou que é "súper perfeccionista". "Gústame como saca o son ás voces, gústame todo o que fai e é moi versátil. É moi delicado todo o que fai e sentíame moi identificada", comentou Amaia, quen engadiu neste sentido que as cancións son "bastante persoais".

A navarra asegurou que tanto o produtor como a compañía de discos están a deixarlle "moitísima liberdade", xa que ademais adoitan coincidir nas súas opinións, mentres que indicou que teñen "claras" as datas do lanzamento do disco, aínda que non o pode desvelar. Sobre a súa colaboración na distancia con U2 comentou que lle deu "rabia" non poder ir ao concerto, pero dixo que lle "encantou" que dixesen o seu nome.

No plano persoal, Amaia afirmou que durante o último ano pasáronlle "moitísimas cousas" e ao ver fotos parécelle que "pasaron cinco anos". "Parece mentira, pero agora estou máis tranquila e co disco teño máis tempo para pensar", engadiu.

Comentarios