Falece aos 71 anos Benedicto, o cantautor fundador de Voces Ceibes

O músico, sindicalista e mestre compostelán retirouse da vida pública hai uns anos por mor da enfermidade de Huntington que padecía

O cantautor, sindicalista e mestre Benedicto García Villar (Santiago de Compostela, 1947), fundador do colectivo galego de canción protesta Voces Ceibes, faleceu este luns aos 71 anos. Este cantautor, coñecido artisticamente como Benedicto, foi un músico e activista da lingua galega, membro fundador tamén do Movemento Popular da Canción Galega, que se retirou da vida pública hai uns anos por mor da enfermidade de Huntington que padecía.

Benedicto faleceu acompañado pola súa muller Maite e a súa filla Minia. O seu corpo descansa no tanatorio de Boisaca, onde será incinerado este martes nunha cerimonia civil que terá lugar ás 19.00 horas. 

Este principal representante da nova canción galega axudou a crear o Sindicato Galego da Música, foi militante do movemento estudantil compostelán nos anos sesenta, así como do Partido Comunista e posteriormente de Comisións Obreiras. Precisamente, o presidente da Fundación 10 de Marzo de CC OO, Xan María Castro, destaca que Benedicto foi clave na estructuración do Sindicato Galego da Música "fronte ás mafias do sindicato vertical", así como na decisión de que este se integrase no sindicato nacional de CC OO de Galicia. 

Deste xeito, Comisións Obreiras lamenta o falecemento de Benedicto, que formou parte desde finais dos anos 80 da súa dirección con cargos como secretario de Política Institucional, ademais de ser unha "persoa crave" na normalización do uso do galego no sindicato, ademais de impulsor da Fundación 10 de Marzo de CC OO. 

As redes enchéronse de mensaxes e fotografías en recordo do músico.

Comentarios