Falece o actor e director Xan Cejudo

A súa traxectoria estivo princpalemente vinculada ao teatro, aínda que tamén traballou en series como Pratos combinados, Mareas vivas, ademais de curtos e longametraxes

Xan Cejudo.TAMARA DE LA FUENTE
photo_camera Xan Cejudo.TAMARA DE LA FUENTE

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) transmitiu este xoves o seu pesar polo falecemento do actor, director e autor escénico Xan Cejudo.

Cejudo (A Coruña, 1947) iniciou a súa traxectoria no teatro nos sesenta, década na que se subiu aos escenarios coa compañía O Facho.

A través dun comunicado, a AAAG destacou que o seu traballo e o seu compromiso fixeron del un referente para as diferentes xeracións que seguiron os seus pasos. "Grazas a persoas como Xan Cejudo, abriuse o camiño polo cal a profesión da escena naceu, creceu e consolidouse no noso país", recorda a asociación.

A súa traxectoria, indican, abarca gran parte dos oficios teatrais, xa que exerceu de autor, de director, de axudante de dirección e de actor nun gran número de proxectos, deixando sempre "unha forte pegada entre os compañeiros de oficio", así como no público.

No audiovisual, traballou como intérprete en series da TVG como Pratos combinados, Mareas Vivas ou Rías Baixas. Ademais, contou con personaxes episódicos en series estatais como El Comisario, Periodistas, Policías ou Cuéntame. Participou en longametraxes e curtos como Morrer no mar, de Alfredo Rabuñal, Coxo de X. Zapata ou Matachín de Jorge Coira. Un dos seus últimos papeis foi na produción cinematográfica de Quien a hierro mata, rodada este mesmo ano.

Comentarios