O I Festival O Son do Camiño reunirá a máis de 25.000 persoas en Santiago

Ante a gran afluencia prevista, a organización permite que os asistentes recollan as súas pulseiras desde este mércores co obxectivo de evitar as longas colas durante os concertos

Lenny Kravitz. EFE
photo_camera Lenny Kravitz. EFE

A primeira edición do festival O Son do Camiño en Santiago de Compostela, programado como antesala do Xacobeo 2021, arrinca o próximo día 28 con The Killers como cabeza de cartel desa xornada, a quen seguirán nos días seguintes Jamiroquai e Lenny Kravitz, entre outros.

Este novo gran festival galego espera recibir ao redor de 25.000 persoas de doce países, e conta con practicamente a totalidade das entradas vendidas desde que en febreiro se anunciase o cartel de artistas.

De feito unicamente quedan ao redor de cen entradas dispoñibles para a xornada do venres, xa que o cartel do xoves e o do sábado xa colgaron o cartel de completo.

Ante a gran afluencia prevista a organización permite que os asistentes recollan as súas pulseiras desde este mércores mesmo co obxectivo de evitar as longas colas que é poidan producir unha vez que dean comezo os concertos.Ademais dun festival musical que contará con destacados artistas internacionais e nacionais, que actuarán en dous escenarios, tamén haberá área de restauración, mercadillo e zona de descanso para acampar.

O festival que como parte da programación destinada a promocionar o Xacobeo de 2021, na súa primeira edición conta con Jamiroquai, Lenny Kravitz, The Killers, Franz Ferdinand e Martin Garrix como principais atractivos, tamén pretende servir de escaparate para os grupos autóctonos de forma que os artistas galegos tamén son unha parte importante do cartel musical.

Deste xeito, desde a organización destacan a presenza de conxuntos galegos como Novedades Carminha, Terbutalina, Eladio e os Seres Queridos, Bala, Arce, Triángulo de Amor Bizarro, Agoraphobia, True Mountains, Furious Monkey House e Malandrómeda.

Para facilitar a chegada dos asistentes ao recinto do Monte do Gozo, a organización habilitou o estadio de San Lázaro como aparcadoiro oficial do festival, "cunha gran capacidade e estará reservado en exclusiva para os asistentes".

Para poder aparcar nesta zona, deberase acreditar ter unha entrada en posesión e o recinto estará dispoñible ata o domingo ao mediodía.

Desde alí sairán cada vinte minutos autobuses lanzadeira que tamén realizarán o traxecto inverso. 
 

Comentarios