'Paquita Salas' comezará a procura de novos clientes o 29 de xuño en Netflix

Ana Obregón, Pepa Charro 'El Terremoto de Alcorcón' ou Roy e Alfred de 'OT' participan na segunda tempada desta serie que asinan Javier Calvo e Javier Ambrossi

O actor Brays Efe encarna a Paquita Salas. AEP
photo_camera O actor Brays Efe encarna a Paquita Salas. AEP

Netflix estreará a nivel mundial a segunda tempada de Paquita Salas o 29 de xuño, na que esta representante de artistas e propietaria de PS Management buscará novos clientes tras a perda das súas actrices máis importantes.

A plataforma de lecer en internet, que confirmou unha terceira entrega da comedia, adiantou que Paquita Salas (interpretada polo actor Brays Efe, natural de Nigrán) vivirá "un descenso aos infernos para atoparse consigo mesma" e buscar a raíz da maior crise económica da súa desastrosa axencia de actores tras a marcha de dúas das súas actrices máis importantes, Macarena García e Mariona Terés.

A serie, producida por Apache Films e escrita e dirixida por Javier Ambrossi e Javier Calvo, repetirá protagonistas: Brays Efe (Paquita Salas), Belén Cuesta (Magüi), Lidia San José (como Lidia San José), Álex de Lucas (Álex) e Mariona Terés (como Mariona Terés), aos que se incorporan Anna Castillo (Belén de Lucas) e Yolanda Ramos (Noemí Argüelles).

Ademais de contar con secundarios como Andrés Pajares (Paco Sardeña) e Secun da Rosa (Fernando Canelón), que xa traballaron na primeira tempada, Ana Obregón ou Pepa Charro El Terremoto de Alcorcón participarán tamén nunha serie que contará con colaboracións especiais como as de Roi e Alfred de OT.

Paquita Salas naceu como "web serie" en Flooxer (Atresmedia), converténdose nunha das sensacións de internet en 2016, aínda que desde o pasado outubro a primeira tempada está dispoñible en Netflix.

A ficción, que foi galardoada co primeiro premio Feroz de televisión que concede a Asociación de Informadores de Cine de España (AICE), é unha comedia disparatada sobre unha axencia de actores na que se suceden as situacións máis impensables e divertidas

Paquita Salas foi a primeira obra como guionistas e directores de Calvo e Ambrossi, coñecidos como los Javis

Comentarios