Raphael anuncia un disco sinfónico xunto a Lucas Vidal e concerto no Real

O álbum será publicado o 9 de novembro e presentarase o 17 de decembro no teatro madrileño

Raphael. EP
photo_camera Raphael. EP

Os grandes éxitos de Raphael volven vestirse en clave sinfónica no álbum ReSinphónico, esta vez baixo a óptica do novo compositor Lucas Vidal, que será publicado o 9 de novembro e presentarase en vivo o 17 de decembro nun concerto no Teatro Real para o que non quedan entradas.

Gravado entre Abbey Road (Londres) e MG Studios (Madrid), o novo traballo supón unha segunda parte de Sinphónico, o disco que o cantante de Linares gravou en 2015, e foi concibido como unha banda sonora na que o seu intérprete experimenta coa música electrónica.

Así o indica en nota de prensa a promotora do artista, que traballou de xeito conxunto co gañador de dous premios Goya Lucas Vidal en calidade de produtor e arreglista.

Máis aló da citada actuación no Teatro Real, Raphael presentará ReSinphónico nunha xira por España a partir de maio de 2019, que compaxinará con catro importantes compromisos internacionais: Londres (Royal Albert Hall, 4 de xullo); París (Theatre Olympia, 10 de marzo); San Petersburgo (Lensovet Palace, 21 de marzo) e Moscova (Internacional House of Music, 23 de marzo).

Aos seus 75 anos, o veterano cantante segue moi activo profesionalmente e conectará o seu novo traballo coas últimas rabexadas da súa actual xira, Loco por cantar, que terán lugar os días 20 e 21 de outubro no Auditorio Fibes de Sevilla.

Durante a mesma, Raphael presentou cancións do seu máis recente álbum de estudo, Infinitos bailes (2016), no que colaborou con autores de xeracións máis novas para actualizar o seu repertorio, como Bunbury, Rozalén, Dani Martín, Mikel Izal e Iván Ferreiro.

Comentarios