Santiago Posteguillo gaña o Premio Planeta coa novela 'Yo, Julia'

A finalista foi Ayanta Barilli, filla do escritor Fernando Sánchez Dragó

Santiago Posteguillo. ANDREU DALMAU (EFE)
photo_camera Santiago Posteguillo. ANDREU DALMAU (EFE)

O escritor valenciano Santiago Posteguillo gañou este luns o 67 Premio Planeta, dotado con 601.000 euros, coa novela histórica Yo, Julia.

O gañador do Planeta ocultara o seu nome tras o pseudónimo de James Sussex e o título ficticio da súa obra era El ascenso, mentres que o finalista deste destacado premio foi Ayanta Barilli, filla do escritor Fernando Sánchez Dragó, que se presentou co pseudónimo de Sandra Glaser, pola novela Un mar violenta oscuro, que levaba o título ficticio de El adiós.

Na novela gañadora Posteguillo narra o ascenso fulgurante dunha muller nun mundo de homes inmersos na loita polo poder político e que pensan que o liderado só lles pertence a eles.

Nese mundo masculino, a protagonista manobrará hábilmente para conseguir os seus obxectivos.

O xurado do premio Planeta, que seleccionou a novela de Santiago Posteguillo entre as 642 obras presentadas este ano, estaba integrado por Alberto Blecua, Fernando Delgado, Juan Eslava Galán, Pere Gimferrer, Carmen Posadas, Rosa Regàs e Belén López, directora de Editorial Planeta, que incorporou este ano como secretaria do xurado en substitución de Emili Rosales.

En nome do xurado, Juan Eslava Galán remarcou que no texto gañador aparecen "cinco personaxes que constitúen outros tantos banzos nese ascenso da protagonista desde a súa humilde condición" e subliñou que todos os personaxes son descritos con gran "fondura psicolóxica".

A obra finalista narra a historia de loita, superación e supervivencia de tres xeracións de mulleres dunha mesma familia, ás que unha figura masculina desapiadada aboca á tolemia, e onde a narradora intenta comprender o seu pasado para reconciliarse co presente.

Sobre a finalista, Eslava Galán comentou que se trata dunha "saga fluvial" que "indaga no pasado familiar sobre un fondo histórico impecable, que mostra a evolución da imaxe social da muller no último terzo do século XIX". 

Comentarios