O xuíz suspende o secuestro de 'Fariña'

O xornalista confirmou a noticia este venres no programa 'Galicia por Diante' de Radio Galega

Nacho Carretero. SANTI DONAIRE (EFE)
photo_camera Nacho Carretero. SANTI DONAIRE (EFE)

A Audiencia Provincial de Madrid fallou a favor da demanda presentada polo xornalista Nacho Carretero e Libros del KO e suspendeu o secuestro do libro Fariña.

Así o confirmou á Radio Galega o xornalista, que se mostrou "aliviado" tras a sentenza. 

No auto, a Audiencia madrileña admite o recurso dos editorial Libros do KO contra a medida cautelar do secuestro, informaron a Efe fontes xurídicas.

Precisamente este xoves celebrouse neste Xulgado o xuízo pola demanda por vulneración do dereito á honra interposta polo exalcalde do Grove José Alfredo Bea Gondar, que reclamou que o autor e os editorial Libros do KO o indemnicen con medio millón de euros por citalo no libro relacionándoo co narcotráfico.

Durante a vista tanto o fiscal como os avogados de Nacho Carretero e Libros del KO pediron levantar o secuestro do libro e desestimar a demanda de Bea Gondar.

A Audiencia explica que os recorrentes alegaron que a publicación non vulnera o dereito á honra de Bea Gondar "tendo en conta que os feitos narrados aconteceron con vinte anos de antelación e constituíron sucesos de relevancia social obxecto de ampla divulgación a través dos distintos medios de comunicación".

Para a Audiencia "en principio resulta significativo que a obra só dedica dúas breves mencións ao demandante que con todo determinaron a prohibición da súa difusión".

Engade que "o interese público da referencia ao demandante deriva da súa actividade política desempeñada na época á que se circunscriben os feitos sendo durante varias etapas alcalde do Grove".

A Audiencia considera que "a citada reseña ofrece unha narración fidedigna e obxectiva, resultado dunha dilixente comprobación do realmente acaecido, non só conforme ao reflectido con amplitude nos medios de comunicación senón que aparece tamén referendada pola resolución xudicial que exonerou de responsabilidade ao demandante pero que de ningún xeito anulou a ocorrencia dos feitos".

Por iso estima que "non foron traspasados os límites do dereito á información exercido con ponderada obxectividade, sen apreciar un matiz especialmente denigrante ou infamante e cun desvelado labor de indagación en resolucións xudiciais e no contido da prensa, que resultan fiables e veraces".

Engade que neste contexto prima o dereito á libre información de feitos históricos veraces e obxectivos sobre o dereito á honra porque "ningunha nota engade a obra ao descrédito ou á fama de Bea Gondar nin utiliza expresións especificamente inxuriosas ou degradantes que disten das noticias divulgadas con profusión ao tempo dos feitos". 

Comentarios