FICHA TÉCNICA

77-69. O Obradoiro prolonga a súa serie ante o CAI Zaragoza na casa

O conxunto santiagués firma contra os maños a súa sétima vitoria consecutiva

O Rio Natura Monbus Obradoiro asinou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva (77-69) tras imporse no Fontes do Sar ao CAI Zaragoza grazas unha gran defensa e ao bo facer dos seus xogadores interiores nos minutos finais. O equilibrio inicial debido aos axustes defensivos e os erros no tiro de ambos os equipos (8-8, min. 5) só rompeu cando os sistemas ofensivos locais empezaron a atopar a Alberto Corbacho.

Encadeou o mallorquino dous triplos seguidos, dos tres que anotou no primeiro cuarto, para establecer as primeiras distancias no marcador (16-8, min. 7) da vitoria que marca a mellor serie da tempada. Ese desequilibrio materializado por Corbacho xerouse a partir do bo rendemento colectivo dos de Moncho Fernández en aspectos tan importantes como as perdas de balón e o peche do rebote defensivo. Obrigou a Joaquín Ruíz a parar o partido e lograr, grazas á mellora en ataque, evitar que a diferenza crecese (23-16, min. 10) aínda que as cousas non melloraron moito para o seu equipo.

Ambos os adestradores comezaron a realizar rotacións e o partido entrou nunha fase de intercambio de canastras, que fixo oscilar a diferenza entre os catro e os nove puntos. Todo motivado pola aparición de Adam Waczynski polo Obradoriro -con dez puntos nos minutos que xogou no segundo período- e ás vantaxes interiores xeradas por xogadores como Henk Norel polo CAI Zaragoza (42-33, min. 20).

O paso polos vestiarios sentoulle de marabilla ao equipo visitante en xeral e a Marcus Landry en particular, xa que os zaragozanos empezaron a traballar mellor na defensa sobre os bloqueos do rival, a forzar perdas e a atopar a Landry que, con sete puntos, liderou o parcial que puxo aos seus por primeira vez por diante (46-48, min. 27). A volta ao xogo de Waczynski conseguiu frear a perigosa dinámica na que entrara o partido para o Rio Natura Monbus Obradoiro, xa que o polaco anotou dous novos triplos e asistiu a Juanjo Triguero para mandar o partido ao cuarto decisivo empatado (54-54, min. 30).

Despois de sete minutos nos que se mantivo a igualdade case punto a punto (64-64, min. 37), comezou un baile de xogadores interiores que beneficiou ao Obradoiro. Maxi Kleber, inmenso na intimidación e rebote e moi intelixente en ataque, e Keaton Nankivil, con seis puntos seguidos, sentenciaron o partido a menos de corenta segundos do final (73-66, min. 40). O intento á desesperada do CAI só provocou precipitacións e un carrusel de tiros libres que permitiu aos galegos igualar o basket average co rival, posto que ambos quedan agora a dúas vitorias de distancia con oito partidos por diante (77-69, min. 40).

Comentarios