O Celta pecha "por seguridade" a venda de entradas online

A decisión motiva o enfado do Sporting, que emitiu un comunicado no que asegura que a medida "supón un veto e un menosprezo" á súa "señorial e deportiva" afección

O Celta de Vigo informou, a través dun comunicado na súa páxina web, que "por motivos de seguridade" só venderá entradas para o partido deste sábado contra o Sporting de Gijón nos despachos de billetes de Balaídos.

"Por motivos de seguridade esta xornada non haberá venda online e nos despachos de billetes só se despacharán entradas a afeccionados do Real Club Celta", recolle o comunicado do club que preside Carlos Mouriño.

No entanto, a entidade galega non explica as medidas que tomará para garantir que os billetes sexan despachados unicamente a afeccionados celestes, un extremo complicado de controlar.

Esa decisión motivou o enfado do consello de administración do club xixonés, que esta mañá emitiu un comunicado no que asegura que a medida do Celta "supón un veto e un menosprezo a unha afección tan señorial e deportiva como a do Sporting".

Os prezos oscilan entre os 20 euros, para as bancadas de Marcador e Gol, e os 40 para a de Tribuna, en categoría adulto.

As entradas poden adquirirse nos despachos de billetes do estadio ata o venres en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas, ou o sábado desde as 10 ata o inicio do partido.

Comentarios