O exdeportivista Lucas Pérez cambia o Arsenal polo West Ham

O dianteiro xogou o pasado curso cedido no Deportivo da Coruña

Lucas Pérez avanza con el balón. CABALAR (EFE)
photo_camera Lucas Pérez avanza co balón. CABALAR (EFE)

O West Ham United oficializou este xoves, último día no que permanece aberto o mercado de fichaxes en Inglaterra, o traspaso do dianteiro exdeportivista Lucas Pérez procedente do Arsenal.

Pérez, que o pasado curso xogou cedido no Deportivo da Coruña, asinou un contrato cos Hammers de tres tempadas con opción a unha máis.

"Estou moi feliz de chegar a un club histórico", destacou o punta galego, nunhas declaracións á páxina web do club. "Estou emocionado de que o West Ham me dera a oportunidade de continuar na Premier League e con gañas de arrincar este novo proxecto", apuntou.

O futbolista, de 29 anos, custou ao redor de 4 millóns de libras (4,4 millóns de euros) ás arcas do equipo do leste de Londres e converteuse no oitavo reforzo estival, tras Jack Wilshere (Arsenal), Felipe Anderson (Lazio), Andriy Yarmolenko (Borussia Dortmund), Fabián Balbuena (Corinthians), Ryan Fredericks (Fulham), Lukasz Fabianski (Swansea) e Issa Diop (Toulouse).

"Queremos darlle a benvida a Lucas ao West Ham United. É un xogador moi experimentado que tanto Manuel coma min coñecemos moi ben do noso tempo en España. Ten un estilo diferente do dos outros dianteiros que temos no persoal e dálle ao adestrador máis opcións de ataque", asegurou Mario Husillos, director deportivo dos Hammers.

"Lucas ten experiencia na Premier League e está habituado á vida en Londres, o que significa que tardará menos en adaptarse e estará listo moito antes. Desde a primeira reunión que tiven con el fíxome saber o seu interese en recalar no West Ham. Desexámoslle a mellor das sortes aquí", subliñou.

Comentarios