Maradona pide desculpas á Fifa polas súas declaracións contra os árbitros

A Fifa cualificara as súas declaracións como "comentarios inapropiados e infundados" e reprobou "enerxicamente as críticas"

Diego Armando Maradona. AEP
photo_camera Diego Armando Maradona. AEP

O arxentino Diego Maradona pediu desculpas á Fifa polas súas declaracións en contra do árbitro estadounidense Mark Geiger, que dirixiu o encontro dos oitavos de final do Mundial entre Colombia e Inglaterra.

Durante o programa De la mano del diez, transmitido pola cadea venezolana TeleSUR, Maradona asegurou que a actuación do árbitro estadounidense, o martes, non se podía "crer", á vez que explicou que aos árbitros "elíxeos Collina (Pierluigi) que o elixiu Infantino (Gianni) para cambiar a unha nova Fifa e hoxe vimos todo o contrario: unha Fifa vella e arranxada".

Segundo Maradona, o árbitro "inventou un penalti" que propiciou o 1-0 de Inglaterra. "Non foi penal, foi falta de Kane (...) Non hai criterios. ¿Por que non pediron o (videoarbitraxe) VAR?", dixo.

A Fifa cualificou as súas declaracións como "comentarios inapropiados e infundados" e reprobou "enerxicamente as críticas" aos árbitros. "Nun momento en que a Fifa fai todo o que está ao seu alcance para garantir que os principios do xogo limpo, a integridade e o respecto estean á vangarda neste Mundial e na propia organización, a Fifa lamenta estas declaracións dun xogador que escribiu a historia do noso xogo", sinalou nun comunicado.

En resposta ao comunicado da Fifa, Maradona pediu desculpas este xoves a través da súa conta de Instagram: "Tomado pola emoción de inchar por Colombia o outro día, eu dixen un par de cousas e, admito, algunhas delas son inaceptables. As miñas desculpas á Fifa e ao seu presidente: por moito que ás veces eu poida ter opinións contrarias a algunhas decisións arbitrais, teño absoluto respecto polo traballo -nada fácil- que fan a institución e os árbitros", escribiu Maradona na súa conta, xunto a unha foto súa con Infantino.

Comentarios