Operada con éxito durante sete horas a piloto alemá que saíu 'voando'

As imaxes do accidente de Sophia Floersch no Gran Premio de Macao de Fórmula 3 impactaron ao mundo enteiro

A piloto alemá Sophia Floersch, que o domingo sufriu un violento accidente durante o Gran Premio de Macao de Fórmula 3, someteuse este luns con éxito a unha operación na columna vertebral que durou sete horas.

Floersch sufriu un violento accidente na carreira de Fórmula 3 do domingo en Macao no que o seu monopraza saíu violentamente despedido ata golpearse contra o búnker dos fotógrafos.

Este luns Floersch someteuse a unha longa operación de sete horas na columna vertebral.

Os médicos afirman nun comunicado de prensa emitido tras a intervención que as súas constantes vitais son estables e que os seus membros están activos.

Permanecerá no hospital durante as próximas dúas semanas, informa motorsport.com.

Nunha mensaxe da propia conta oficial de Twitter da piloto infórmase de que non houbo complicacións na delicada operación. "O equipo médico está a traballar de xeito lento para evitar riscos. O desenvolvemento da cirurxía é bo e sen complicacións".

Tamén se confirmou que o piloto Sho Tsuboi, tamén afectado no accidente, recibiu a alta hospitalaria o domingo pola noite, mentres que o fotógrafo ferido Hiroyuki Minami tamén deixou as instalacións médicas.

O fotógrafo chinés Chan Weng Wang, que tiña danos no fígado, seguirá no hospital durante dez días máis. O comisario Chan Cha sofre cortes e unha costela rota, pero debería recibir a alta nos próximos tres ou catro días.

Comentarios