"As empresas de ascensores quitámonos traballadores por falta de técnicos"

A patronal Aega apunta que as compañías tiran de salarios atractivos ante a escaseza de profesionais formados en Galicia. En setembro, o sector repartirá folletos nos institutos de FP para darse a coñecer como nicho de emprego "estable"

A medida que crece el parque de ascensores "mayor es la necesidad de mano de obra". EP
photo_camera A medida que crece o parque de ascensores; maior é a necesidade de man de obra. EP

O envellecemento dos persoais e a falta de profesionais cualificados levou á Asociación Empresarial Galega de Ascensores (Aega) a activar unha campaña con frontes abertas na Xunta e os institutos de FP. Por unha banda, as compañías trasladaron á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a súa preocupación polo déficit de técnicos nunha comunidade na que se imparten só dúas titulacións de FP habilitantes para esta profesión, isto é, o ciclo medio de Mantemento Electromecánico e o superior de Mecatrónica Industrial.

A patronal fixo os seus cálculos e constata que os algo máis de 200 titulados que se incorporarán ao mercado este ano e o que vén resultan "insuficientes" nunha comunidade que conta cun parque de 60.000 ascensores e que, a pesar de incorporar uns 1.200 ao ano, está lonxe de cumprir co que manda a Lei de Accesibilidade Universal, o que dá idea do potencial laboral. Para cubrir as necesidades de persoal, as compañías piden á Xunta que amplíe as titulacións habilitadas "ou homologue a traballadores doutros sectores", explica a presidenta da Aega, Ángeles Ríos.  Neste momento, a comunidade conta con 3.500 técnicos de mantemento en activo, sen sumar cos efectivos que traballan na fábrica que Enor ten en Vigo, e a executiva destaca que se trata de postos "estables", con formación permanente e posibilidades de promoción.

Cartel que a patronal galega de ascensores Aega repartirá a partir de setembro nos institutos de FP. EP"As empresas estamos a quitarnos traballadores entre nós, o que produce unha inflación nos salarios que non é real nin sostible no tempo", constata Ríos, que indica que, polo momento, non se viron na tesitura de ter que fichar a profesionais de fóra. O sector forma parte do metal galego, que xa iniciou o ano reclamando un plan urxente de formación para poder cubrir con profesionais autóctonos os 3.000 empregos que precisará incorporar no medio prazo,1.500 só para o naval.

A Aega aspira a contar cunha bolsa de técnicos para acabar con situacións como as que agora se dan. E é que ao abrir un proceso de selección para renovar os cadros de persoal as empresas "tardan máis en atopar a un técnico de FP 2 que a un enxeñeiro". Por iso defenden poder incorporar a titulados superiores en Mantemento de Equipo Industrial e en Instalación e Mantemento Electromecánico de Maquinaria e Condución de liñas, como sucede noutras comunidades.

Convencida de que tamén pesa o descoñecemento entre os alumnos desta saída profesional, Ríos avanza que en setembro a patronal comezará a repartir nos institutos de FP carteis para darse a coñecer entre os estudantes. "Non pode ser que nos acordemos dos ascensores só cando fallan", ironiza Ríos, que é enxeñeira de telecomunicacións e dirixe desde 2003 a cooperativa vasca de ascensores Orona en Galicia.

Campaña nos concellos para mellorar a accesibilidade
Da man da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Aega está a manter reunións cos responsables de urbanismo das cidades galegas despois de que a Lei de Accesibilidade Universal completase a súa entrada en vigor o 4 de decembro, obrigando a que os edificios estean adaptados. Na práctica, os seus efectos son escasos ao non prever sancións por incumprimento.

O 28% dos edificios de tres ou máis plantas que tiñan ascensor en Galicia en 2011, cando se fixo o último censo de vivenda.

A Aega defende unha reorientación das subvencións ás comunidades de veciños para instalar ascensores que prime ás "persoas que teñen menos recursos". Ante as dificultades que xorden nos grupos de veciños á hora de acordar investir nunha instalación deste tipo, o Comité de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) busca cambiar a Lei de Propiedade Horizontal para reducir as maiorías necesarias se hai unha persoa con problemas de accesibilidade. 

Comentarios