O 30% do negocio industrial galego, en mans foráneas

As compañías con sede noutras autonomías copan 80 de cada 100 euros xerados polo sector enerxético e sosteñen o 47% do emprego
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Encoro de Belesar. ARQUIVO

Os grupos industriais con sede noutras comunidades e que operan en Galicia copan aquí algo menos dun terzo dos ingresos que xera o sector secundario. É unha das conclusións que arroxan os indicadores de multilocalización empresarial que publica o Instituto Galego de Estatística (Ige), un informe que revela que, en 2021, de cada 100 euros de facturación que produciu a industria 29,6 foron para compañías doutras autonomías que posúen activos aquí.

Escudriñando nos datos confírmase que o grande atractivo é a xeración de enerxía, un capítulo no que o Ige tamén engloba as industrias extractivas, a xestión da auga e de residuos. Neste caso, as compañías con sede noutros puntos da Península —caso de Naturgy, Iberdrola e Endesa— concentraron o 79,9% do negocio, un cociente que en 2016, o primeiro ano para o que hai rexistros, superaba o 82%.

Na metalurxia, a proporción queda no 44,3% fronte ao 58,6% de hai sete anos nun contexto no que, impelidas por factores como os custos enerxéticos, o parón eólico ou a crise naval, algunhas compañías repregaron velas.

En cambio, chama a atención o gancho da industria química e farmacéutica. En 2021, as firmas doutras comunidades levaron o 28,8% dos ingresos totais da actividade, cando en 2016 apenas acaparaban o 8,3%.

Na alimentación, o capital galego é o que impera, pois neste caso as firmas doutras autonomías controlaron o 6,7% da cifra de negocio en 2021, aínda que é certo que foron gañando un pouco de peso (4,4% en 2016).

¿E que sucede co emprego? De media, as industrias doutras rexións con intereses aquí sustentan o 11,8% da ocupación, un impacto inferior se se compara co anaco da torta que levan en termos de facturación. Na área enerxética, sustentan 47,4 de cada cen postos e no metal, o 13,2%.

¿Que pasa no comercio?

A radiografía do Ige tamén ofrece unha panorámica do comercio. No retail, a cota das firmas doutras comunidades no conxunto da facturación mantense no 24,2%, en tanto que queda no 8,9% entre os concesionarios. Os supermercados e as cadeas de fóra de Galicia controlan o 3,7% dos locais e o 18,5% dos ocupados.

A industria galega obtén fóra o 6,6% da súa facturación

O Ige tamén tentea o peso das empresas galegas fóra da comunidade e conclúe que, en 2021, apenas o 6,6% da cifra de negocio do sector industrial facturouse fóra, un cociente que se eleva ao 15,7% no comercio e que ascende ao 8,1% nos servizos.

En canto á proporción de ocupados que as industrias galegas teñen noutras rexións, é do 4,6%, fronte ao 17,5% do comercio e ao 7,9% dos servizos.

Comentarios