A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) expresou a súa satisfacción coa sentenza do Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña, que estima a demanda colectiva contra Abanca na que se reclamaba a devolución das cantidades cobradas indebidamente pola imposición de cláusulas chan nas hipotecas.
Nun comunicado remitido aos medios este sábado, a asociación considera que a resolución supón un "fito" na historia xudicial de Galicia no que respecta ao dereito privado, tanto polo número de persoas afectadas -1.300 consumidores adheridos á demanda- como polo volume ao ascender no seu caso a cantidade obxecto de restitución.
A asociación agradeceu o traballo realizado polo seu secretario e avogado, Xoán Antón Pérez-Lema, e explicou que estuda agora as consecuencias inmediatas da sentenza e os seguintes pasos a dar cara á súa posible execución, á espera da posible apelación da parte demandada.
En concreto, o Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña deu a razón aos clientes na demanda colectiva presentada pola Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga) contra Abanca na que reclamaba a devolución do diñeiro cobrado de máis aos clientes con préstamos hipotecarios con cláusulas chan subscritos con anterioridade a maio de 2013.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada ordena na sentenza á entidade bancaria que restitúa aos prexudicados as cantidades indebidamente abonadas en aplicación das cláusulas declaradas nulas en virtude da sentenza do Tribunal Supremo de 9 de maio de 2013.