Alcoa cifra en 250 millóns de euros o custo dos peches da Coruña e Avilés

A multinacional perdeu ata marzo 177 millóns, que atribúe ao impacto da reestruturación do negocio en España

Factoria de Alcoa en A Coruña. CABALAR
photo_camera Factoria de Alcoa na Coruña. CABALAR

Alcoa pechou o primeiro trimestre do ano cunhas perdas netas por valor de 199 millóns de dólares —uns 177 millóns de euros ao cambio—, un resultado que choca co beneficio de 195 millóns de dólares que rexistrou no mesmo período de 2018. Segundo o informe que a multinacional con sede en Pittsburgh publicou este xoves, as contas reflicten un impacto de 156 millóns de dólares —uns 139 millóns de euros— derivado principalmente do proceso de desinversión nas plantas da Coruña e Avilés, que podería acabar cun expediente de regulación de emprego (Ere) extintivo se non aparece un investidor disposto a seguir adiante coas divisións de aluminio primario das dúas factorías. Sen esta circunstancia especial, as perdas serían de 43 millóns de billetes verdes.

Se finalmente a compañía, que xa rexistrou o interese de 12 investidores —dos cales tres incluso dispoñían xa dun plan industrial a inicios de abril—, non acepta ningunha oferta chegado o 30 de xuño, o grupo prevé que podería rexistrar un impacto adicional de entre 70 e 125 millóns de dólares (ata 111 millóns de euros), "dependendo do resultado do proceso de despedimento colectivo". Así as cousas, os custos derivados de renunciar a reactivar a produción de aluminio roldarían os 250 millóns de euros. No laboral, perderíanse 268 empregos, ao que o grupo expuxo en xaneiro sumar 44 prexubilacións e un centenar de recolocacións en San Cibrao. Cabe recordar que a dirección se comprometeu a entregar 20 millóns por cada planta ao comprador ou compradores para rearrancar a electrolisis e executar outras melloras.

Na planta coruñesa, a dirección está disposta a preservar só 114 postos de traballo para seguir explotando a torre de pasta e a fundición, tamén seguiría en activo a de Avilés con 91 operarios.

Alcoa indica no seu informe trimestral que, como parte do acordo selado o 16 de xaneiro cos comités de empresa, conveu o apagado das cubas de electrolisis nas que se producía aluminio na Coruña e Avilés, "manténdoas en condicións de reinicio ata o 30 de xuño" no caso de que "terceiras partes teñan interese en adquirir as instalacións".

CAÍDA DE PREZOS. No comunicado publicado este xoves, o presidente do grupo, Roy Harvey, fai fincapé en que a compañía adoptou "medidas no último trimestre para reestruturar" a súa división de produción de aluminio e apunta que seguirán "revisando" os seus activos en base á súa capacidade para competir en todos os ciclos do mercado co "fin de fortalecer" a posición de liderado global da compañía no longo prazo. Respecto da evolución do negocio, o executivo destaca o aumento das taxas de produción de bauxita e alúmina.

Excluíndo o impacto da reestruturación en España, o resultado bruto de explotación (Ebitda) de Alcoa contraeuse un 39% en comparación co último trimestre de 2018 ao pechar marzo en 467 millóns de dólares, debido aos "menores prezos da alúmina e o aluminio". Nesta conxuntura, os ingresos contraéronse un 19%, ata os 2.719 millóns de dólares.

Empresa e centrais abordan o día 25 a busca de investidores
Os comités de empresa agardan coñecer o avance das negociacións cos pretendentes das dúas factorías á volta de Pascua na reunión prevista coa dirección para o día 25 en Madrid.

Demanda de aluminio
Alcoa augura que a demanda global de aluminio crecerá entre un 2 e un 3% en 2019, algo menos que no primeiro trimestre, porque o aumento da demanda en China se desacelerará especialmente no transporte e a electricidade. Con todo, isto verase compensado polas menores expectativas de produción en Europa e América do Sur.

Comentarios