Ampliado ata o 29 de outubro o prazo para solicitar as Axudas ao Retornado Emprendedor

A iniciativa persegue fomentar o regreso de máis de 20.000 galegos que están no exterior, ata o ano 2020

Antonio Rodríguez Miranda. AEP
photo_camera Antonio Rodríguez Miranda. AEP

A Xunta de Galicia anunciou este mércores a prórroga, ata o 29 de outubro, do prazo para solicitar as Axudas ao Retornado Emprendedor, e para dar a coñecer este programa contará coa colaboración da Asociación de Jóvenes Empresarios (Aje).  Así o trasladou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen recordou que esta iniciativa de axudas persegue fomentar o regreso de máis de 20.000 galegos que están no exterior, ata o ano 2020. 

Estas axudas, incluídas na Estratexia Retorna 2020, permitiron ata agora pór en marcha máis dun centenar de proxectos empresariais nas catro provincias galegas. Para chegar ao maior número de retornados, a Xunta amplía agora o prazo para solicitar os fondos. 

A Xunta destina 200.000 euros a cubrir ata o 80% dos gastos correntes da empresa, cun máximo de 10.000 euros

Pola súa banda, Aje colaborará na iniciativa ofrecendo sesións informativas en seis das súas delegacións (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense) durante o mes de outubro, que serán impartidas por persoal da Secretaría Xeral de Emigración. Esta organización empresarial axudará a difundir o programa entre o tecido empresarial menor de 40 anos, entre o que conta con case mil socios, suma 6.500 empregos e unha facturación de 428 millóns de euros. 

Para este programa de axudas, a Xunta achega en 2018 unha nova partida de 200.000 euros destinada a cubrir ata o 80 por cento dos gastos correntes da empresa, cun máximo de 10.000 euros. Poden acollerse a estas subvencións os galegos de nacemento, os seus cónxuxes, e descendentes ata segundo grao de consanguinidade, que se establezan en Galicia. Este ano, ademais, as axudas diríxense especificamente aos beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (Beme). 

Comentarios