Así serán os distintivos que os coches de aluguer tipo Uber levarán en Galicia
Os vehículos de aluguer con condutor (VTC) —como os das plataformas Uber ou Cabify— cuxa autorización para operar sexa expedida pola Xunta levarán un distintivo identificativo da súa actividade que resulte visible ao público. Así o recolle o proxecto de orde que a Consellería de Infraestruturas acaba de sacar a información pública, un documento que establece que estes coches terán que levar un vinilo autoadhesivo no parabrisas e outro na parte traseira.
Esta viñeta, que se expedirá tras o pago dunha taxa, permitirá ás autoridades "verificar tanto a vixencia da autorización administrativa" —ao deixar constancia da data na que o titular do permiso deberá renovalo— como a matrícula do automóbil.
O borrador estipula que, unha vez que a orde entre en vigor, os operadores de VTC terán dous meses para facerse cos adhesivos. A lei de medidas fiscais que acompaña os orzamentos galegos de 2018 fixou que non portar o distintivo acarrerá sancións de ata 2.000 euros. Ademais, a Xunta comprometeuse a crear un rexistro público no que se inscribirán os VTC e os taxis.