"Búscase probador de almofadas. Soldo: 1.200 euros ao mes". É a curiosa oferta laboral lanzada en España por unha empresa portuguesa, Koala Rest, especializada na venda online de colchóns e artigos para o descanso. Trátase dun emprego de ensoño, e nunca mellor dito, pois cóbrase por durmir. E é que o que busca esta startup é alguén que probe durante tres meses os distintos prototipos de almofada nos que traballa para perfeccionar o deseño e lanzala ao mercado.
E sen moverse de casa. O elixido poderá realizar o 'traballo' desde calquera parte de España e a tarefa é sinxela: durmir cada noite cun modelo diferente e encher despois un cuestionario para avaliar a súa experiencia de descanso. "Esta información permitiranos mellorar o produto xa que teremos en conta esa valoración para adaptar a almofada ao seu uso", conta un dos fundadores de Koala Rest, Bruno Madeira.
Aínda que hai quen ve detrás desta peculiar iniciativa unha vía para publicitar a empresa e atraer clientes, a oferta laboral é real. Os interesados en embolsarse 3.600 euros en tres meses desde a cama e cos ollos pechados teñen uns 20 días por diante para anotarse na oferta de emprego, pois a empresa pechará o prazo o día 28. Quen queiran soñar traballando poden inscribirse a través a páxina web www.tukoala.es enviando a solicitude no apartado de recrutamento.
A empresa analizará o previsible aluvión de candidaturas recibidas e elixirá ao afortunado que se converterá no seu primeiro probador de almofadas en España.