A CNMC multa con 3,4 millóns a empresas e sindicatos da estiba de Vigo

Penalízaos por restrinxir a competencia impedindo a descarga de vehículos a traballadores non estibadores 
 

Estibadores trabajando. AEP
photo_camera Estibadores traballando. AEP

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) impuxo multas a cinco empresas estibadoras e cinco sindicatos do sector que suman un importe total de 3,44 millóns de euros por obstaculizar a libre competencia nos labores de carga e descarga no Porto de Vigo. En concreto, as firmas e os representantes dos traballadores acordaran impedir a carga e descarga de vehículos no porto a traballadores que non fosen estibadores, algo que vai en contra da actual lexislación. 

Bergé é a compañía que recibe a maior sanción, de 1,48 millóns de euros, de entre as cinco multadas. O resto son Terminais Marítimas de Vigo, sancionada con 700.000 euros, Pérez Torres Marítima (490.000 euros), Líneas Marítimas Españolas (199.276 euros) e Estibadora Gallega (42.412 euros). 

Así mesmo, UXT e CC OO son os sindicatos que afrontan a maior multa, de 170.000 euros cada un. A sociedade xestora de estibadores (sagep) de Vigo foi sancionado con outros 100.000 euros, a CIG con 70.000 euros, a CXT con 20.000 euros e Coordinadora, con 1.000 euros máis. 

As multas teñen a súa orixe no expediente que o 'superregulador' abriu tras recibir unha denuncia da Autoridade Portuaria de Vigo. En virtude desta investigación, a CNMC detectou senllos acordos, subscritos en 2010 e 2013, entre a Autoridade Portuaria de Vigo, a sagep deste porto e as empresas e sindicatos referidos que estima son "anticompetitivos" e constitúen unha "infracción moi grave". 

O órgano que preside José María Marín Quemada asegura que estes acordos non poden considerarse convenios colectivos, dado que non regulan condicións laborais, senón a organización interna das empresas estibadoras.  Así, a CNMC indica que por estes acordos impedíase ás empresas estibadoras decidir "de forma independente" sobre a súa organización interna e os traballadores que podían contratar para atender os servizos que prestaban no porto, en particular a carga e descarga de vehículos. 

Comentarios