A compravenda de coches crece un 11,3% en xaneiro

Os concesionarios da comunidade venderon un total de 3.323 turismos e todoterreos no primeiro mes do ano
Vehículos de ocasión en un concesionario
photo_camera Vehículos de ocasión en un concesionario

A venda de turismos e todoterreos en Galicia creceu un 11,36% en xaneiro en relación ao mesmo mes do ano anterior, ao contabilizarse 3.323 matriculacións, segundo os datos publicados polas patronais do sector Anfac (fabricantes), Faconauto (concesionarios) e Ganvam (vendedores). O maior incremento rexistrouse na provincia de Lugo, onde se compraron 430 automóbiles, case un 21,5% máis que no arranque do exercicio pasado. A continuación situouse Pontevedra, onde os 1.076 coches adquiridos supoñen unha alza do 12,9%, seguida da Coruña (1.428 unidades, un 9,7% máis) e Ourense (389 transaccións, o que supón unha subida do 3,73%).

Unha tendencia de recuperación no mercado automobilístico que é común ao conxunto de España. Así, en todo o país vendéronse 84.515 unidades durante o primeiro mes do ano actual, o que significa unha subida do 10,7%. Este incremento das matriculacións estivo motivado, principalmente, polo empuxe da canle de empresas, que foi o que impulsou a demanda de vehículos en xaneiro e tamén polo efecto calendario, xa que o mes pasado tivo dous días laborables máis que o mesmo mes de 2016. 

As tres organizacións explicaron que a canle de particulares reduciu o seu peso no conxunto do mercado español ata o 53,5%, o que pon de manifesto a retardación detectada nas vendas a estes clientes tras a finalización do Plan Pive, de incentivo á renovación do parque. Así, indicaron que, a pesar das cifras positivas en xaneiro, o sector móstrase "vixiante" ante esta tendencia que pode continuar nos próximos meses e que se pode traducir nun descenso de vendas e nunha maior dificultade á hora de rexuvenecer o parque automobilístico nacional, que ten doce anos de media.

DOUS DIAS MAIS. Ante estas cifras, o director de Comunicación de Anfac, Adolfo Randulfe, asegurou que o incremento das entregas en España durante o pasado mes de xaneiro explícase pola existencia de dous días laborables máis e polo empuxe de empresas e alquiladoras. Pola súa banda, o presidente de Faconauto, Jaume Roura, subliñou que as cifras de xaneiro estiveron "por baixo" das expectativas, incluso tendo en conta que xaneiro adoita ser "un mes frouxo" que vive de operacións non pechadas en decembro. Ademais, o presidente de Ganvam, Juan Antonio Sánchez Torres, subliñou que o ritmo do crecemento do mercado está a retardarse, especialmente se se ten en conta que xaneiro tivo dous días hábiles máis que o mesmo mes do ano precedente. 

Comentarios