Dia rexistra 352 millóns de perdas en 2018 e anuncia 2.100 despedimentos en España

As contas do grupo de distribución reflicten unha caída da facturación neta do 11,3%

Un supermercado DIA. EP
photo_camera Un supermercado DIA. EP

O grupo de distribución DIA rexistrou perdas por valor de 352,6 millóns de euros no exercicio 2018, en contraste cos 101 millóns de euros de beneficio dun ano antes, e iniciará un proceso de despedimento colectivo en España que afectará a un máximo de 2.100 persoas.

Así o informou este venres á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a cadea de supermercados, cuxos datos reflicten a difícil situación atravesada pola firma durante o ano pasado, que se agravou no último trimestre logo de empeorar as súas previsións para o peche do exercicio e de atopar erros nas súas contas de 2017, o que derivou no seu afundimento en bolsa.

A conta de resultados de 2018 reflexa unha caída da facturación neta do 11,3 %, ata os 7.288,8 millóns de euros, mentres que o seu Ebitda axustado contraeuse un 35 %, ata os 337,9 millóns de euros.

Da caída das vendas, a maior parte produciuse en España -o seu mercado máis importante-, cunha redución de 161 millóns de euros respecto de 2017, por encima dos preto de 35 millóns de euros de baixada rexistrados en Portugal. Ademais, tamén houbo un impacto negativo polos tipos de cambio en Arxentina e Brasil.

A nivel global as vendas brutas baixo insignia (resultado da suma do facturado en supermercados propios e franquiciados sen descontar Iva e outros impostos indirectos) acabaron o ano nos 9.390 millóns de euros, un 14,9 % por baixo do dato de 2017.

DIA, ademais, acabou o ano en situación de "causa de disolución" -tal e como xa anunciara- cun patrimonio neto negativo en 166 millóns de euros, fronte aos 257,3 millóns positivos dun ano antes. A débeda neta, pola súa banda, disparouse máis dun 50%, ao pasar de 945 a 1.451 millóns de euros.

Desde o grupo de distribución tamén avanzaron que iniciarán en España un proceso de despedimento colectivo que afectará "a un máximo de 2.100 contratos de traballo" -o seu persoal no país rolda os 26.000 empregados-, segundo informou a compañía no marco da súa presentación de resultados anual.

Comentarios