¿Que facer se a quebra de Dentix te deixa co tratamento colgado?

Os afectados que non financiaron os seus procedementos, os peor parados. Os odontólogos galegos piden que os profesionais sexan "os únicos donos" das clínicas
Local de Dentix en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Local de Dentix en Lugo. XESÚS PONTE

A cadea Dentix solicitou o luns o concurso de acredores, deixando por centos de pacientes coas súas dentaduras a medio arranxar e, en moitos casos, con tratamentos financiados por Cetelem, Peppermoney e outras entidades por pagar. Organizacións de consumidores e bufetes van debullando algunhas claves sobre os pasos a dar polos afectados.

Tratamentos financiados

As organizacións de consumidores Facua e Ocu recordaron que os clientes de Dentix poden paralizar o pago ás financeiras polos procedementos que non se finalizaron. "Se se trata dun crédito vinculado, concertado a través ou por mediación da propia clínica", explica Facua, é posible "deter os pagos e opor ante a financeira o peche do estable cimento para non seguir facendo fronte ao"mesmo . Para iso, hai que presentar "unha reclamación ante a entidade de crédito".

Pedir o traslado a outra clínica

Antes de solicitar a rescisión do contrato de crédito, a Ocu recomenda instar á entidade o traslado do tratamento a outra clínica.

Procedemento pago

Se o afectado viuse sorprendido pola suspensión de pagos co tratamento sen completar aínda que pagado na súa totalidade, a Ocu indica que será necesario acudir a un avogado. Así mesmo, explica que aqueles que contratasen o abono "directamente" con Dentix, isto é, sen financiamento, terán dificultades para recuperar o seu diñeiro dado que a lei concursal sitúa aos consumidores "entre os últimos na lista de acredores". 

Neglixencias médicas

En caso de ser obxecto dunha neglixencia médica, xa sexa porque Dentix non realizou a planificación adecuada ou porque executou de forma errónea o tratamento, Vorlegal Avogados apunta que é posible reclamar á compañía, pola que debe responder a súa aseguradora.

Regulación insuficiente

Ante a situación na que quedaron os máis de 100.000 clientes das 180 clínicas da cadea —oito en Galicia—, Facua volveu a reclamar ao Goberno que reforce a regulación. Dun lado, chama a obrigar ao sector a contratar seguros de responsabilidade civil para cubrir o risco de peche e "ofrecer garantías ante a neglixencia na xestión e a fraude aos consumidores". Tamén pide que se blinde o acceso ás historias clínicas en caso de quebra. Do seu lado, o Consello Galego de Odontólogos e Estomatólogos púxose a disposición dos clientes para "defender os seus dereitos e colaborar en cantas accións sexan necesarias para solucionar esta complexa crise". Fronte ás franquías, o colectivo reivindica que os profesionais sexan "os únicos propietarios das clínicas dentais" e tamén chama a regular "a publicidade enganosa e denigrante" de forma "urxente".