A fortuna tirou máis que o sangue

Os Álvarez Mezquíriz pasáronse trece anos á gresca polo control de Eulen e Vega Sicilia ► Cobiza, celos e demandas cruzadas marcaron un conflito ao estilo da serie Falcon Crest
Los siete hermanos con su padre, David Álvarez, cuando todavía reinaba la paz en la familia. EP
photo_camera Los siete hermanos con su padre, David Álvarez, cuando todavía reinaba la paz en la familia. EP

Sete herdeiros e unha fortuna en xogo. Así podería empezar a sinopse do culebrón que nos últimos trece anos protagonizaron os irmáns Álvarez Mezquíriz polo control do imperio que a inicios dos 60 comezou a construír o seu pai, o empresario leonés David Álvarez, fundador do xigante da seguridade e a limpeza Eulen e do grupo El Enebro, dono dunha das adegas máis prestixiosas do mundo como é Vega Sicilia. Nesta guerra de poder, a avaricia e os celos tiraron máis que o sangue e o conflito chegou aos tribunais. A semana pasada escribiuse o que parece ser o último capítulo dunha historia que saltou á prensa económica e tamén á crónica social. Atención, spoiler: o chamado Falcon Crest español acaba cun pacto para selar a paz coa repartición das dúas compañías, as xoias da coroa desta saga.

Pero, como e cando estalou o enfrontamento? Comezou a facerse mediático en 2010, ano no que empezaron a ver a luz as desavinzas dentro dun clan que ata entón proxectara unha imaxe de harmonía. A última foto de familia realizouse en 2009, na terceira voda do patriarca coa que fora a súa secretaria e á que levaba 38 anos. Din que á maioría dos fillos non lles gustou que o seu pai casase con ela, a pesar de que fixeron separación de bens. Comezou a fraguarse a división do clan en dous bandos, con cinco fillos en contra do seu proxenitor e dous fieis.

Os díscolos —Marta, Elvira, Juan Carlos, Emilio e Pablo— intentaron apartar ao empresario da xestión de Eulen e o marqués de Crémedes respondeu quitándoos do consello de administración. Só mantivo a María José e Jesús David, os seus apoios. El Enebro tamén serviu de arma nesta batalla. Os sete vástagos tiñan o 49% das accións do grupo que o fundador lles cedeu a partes iguais tras morrer a súa nai, María Vicenta Mezquíriz, a primeira esposa de Don David, que quedou co 51% restante en usufructo. Pero cando Álvarez apartou aos cinco fillos rebeldes de Eulen, estes deixaron de recoñecerlle o usufructo, un movemento que acabou na xustiza —o patriarca quería recuperar o control do holding— e que sería declarado nulo polo Tribunal Supremo en 2018.

Para entón, David Álvarez xa falecera. Morreu en novembro de 2015 aos 88 anos e no medio das disputas. Deixara claras as súas últimas vontades: unha pensión vitalicia mensual de 12.000 para a súa viúva, o terzo de mellora para os seus fillos fieis e a lexítima estrita como castigo para o resto. Ese testamento agravou o conflito e os irmáns seguiron encerellados en demandas.

Unha guerra á que puxeron fin agora cun pacto familiar para repartirse Eulen e Vega Sicilia, o que na práctica supón a partición en dous do imperio. María José Álvarez, que ata agora tiña o 57,57% de Eulen, sumará o 39% en mans dos seus irmáns, e os cinco díscolos quedarán coa totalidade de El Enebro ao facerse co 15% que tiña María José. Ambas as partes retirarán todas as causas xudiciais. O sétimo irmán, Jesús David, hai uns anos desentendeuse do conflito vendendo as súas accións en El Enebro aos cinco opositores.

Esta historia de cobiza e egos ben podería inspirar o guion dunha serie ao estilo Succession, As herdanzas separan a moitas familias dentro e fóra do mundo da empresa, pero as hostilidades poden chegar máis lonxe cando hai moitos millóns sobre a mesa.

Comentarios