Francisco López Valladares: "A compra de parte da produción en ecolóxico debera ser pública"

Foi un dos pioneiros na produción de leite en ecolóxico na comunidade alá polo 2000 e leva preto de sete anos á fronte do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia. Defende as axudas ao sector polo "ben" que lle fai ao medio ambiente e advirte que son esenciais para que poida seguir medrando. Pide á Administración mercar alimentos eco para colexios, hospitais ou residencias.
Francisco López Valladares. Craega
photo_camera Francisco López Valladares. Craega

As multas por rebasar a cota láctea a finais do 90 levaron a Francisco López a reconverter a ecolóxico a granxa que ten en A Pastoriza.

De sete produtores a más de 1.500 e de apenas 13 hectáreas a rebasar as 45.000 desde que a produción en ecolóxico empezou a agromar en Galicia. Cal foi o principal motor desa expansión nestes 27 anos?

Sobre todo as pequenas e medianas explotacións que viron na reconversión a ecolóxico unha saída para darlle valor engadido ao produto. No leite, por exemplo, a diferenza de prezos coa produción convencional era nos inicios de 16 pesetas por litro e agora anda nuns 10-12 céntimos. Dese xeito, foilles máis doado subsistir. E o feito de haber máis produción eco propiciou tamén un crecemento da súa transformación na industria. 

Cal é o perfil de quen está a dar o salto á actividade en ecolóxico?

Titulares de explotacións medianas que xa practicaban o pastoreo. Para as granjas puramente intensivas é máis difícil, incluso imposible. O regulamento europeo polo que se rexe a produción en ecolóxico establece un límite de dúas unidades de gando maior (UGM) por hectárea e o condicionante de ter acceso a pastos fóra. Primeiro, polo tanto, hai que ter base territorial para producir, non vale ter 10 hectáreas de terreo e 100 vacas. A isto súmase a prohibición de usar fitosanitarios e herbicidas. 

Empezar de cero é inviable?

Véxoo case imposible cunha explotación, sobre todo se falamos de produción animal, pola enorme inversión que require. O que si, unha porcentaxe elevada das novas incoporacións á actividade agraria que collen una explotación que estaba en convencional optan por pasar ao ecolóxico, sobre todo a xente máis nova, que está máis concienciada co medio ambiente.

E na horta, por exemplo, sería máis factible comezar de cero?

É máis sinxelo, pero a venda é complicada. As grandes comercializadoras ofrecen prezos ridículos, de produción convencional. Para quen ten unha horta pequena e pode facer venda directa en mercados e restaurantes de proximinidade é máis factible. Levo moitos anos insistindo ante a Administración en que unha porcentaje da compra pública debería reservarse para a produción en ecolóxico, de forma que se empregara nos menús de colexios, hospitais ou residencias de maiores. Iso garantiría unha saída e animaría a máis xente a sumarse. Queremos que haxa horta e que o rural non morra e o neno no colexio come coliflor de Holanda; non ten sentido. Mentres, más do 50% da produción en ecolóxico galega viaxa fóra. 

Queremos que haxa horta e que o rural non morra e o neno no colexio come coliflor de Holanda. Non ten sentido

Houbo algunha polémica coas axudas á agricultura ecolóxica. ¿Son precisos máis apoios?

O que podemos ter claro é que se as administracións públicas non incentivan a produción en ecolóxico, deixará de medrar. En 2022 houbera problemas coas axudas porque quedaran produtores sen cobrar por falta de orzamento. O que ocorreu foi que non era previsible nin por parte da Consellería do Medio Rural nin do Consello Regulador que houbera tantas inscripcións, cun repunte da superficie certificada do 42%, polo que os fondos non chegaban. A partir de aí, a Xunta comprometeu 45 millóns de euros para o período entre 2023 e 2027, con 9 millóns por ano. Pero, a pesar de que sobraron cartos da convocatoria de 2023, a orde de ayudas está pechada ata 2025. Iso supón un freo a novas reconversións. Son malas datas pola proximidade das eleccións galegas, pero teño pendente una reunión con conselleiro e abordaremos este tema. Ás veces pregúntanme por que hai que primar a agricultura ecolóxica e eu digo que é un ben público, un ben que lle estamos facendo ao medio ambiente e non está recoñecido.

Como foi o 2023 para o sector?

Os datos están sen pechar porque os produtores teñen ata marzo para facer a declaración do que venderon no 2023, pero segundo as estimacións o crecemento vai ser moi pequeniño. Debido a que non houbo axudas para todos no 2022, tivemos en torno a 90 baixas.

Os datos do 2023 están por pechar, pero as estimacións apuntan a un crecemento moi pequeno 

O último estudo do Craega constata un mayor coñecemento e consumo dos produtos eco en Galicia.

Hoxe en día o 99% da poboación ten oído falar dos alimentos eco e un 62% das persoas consómeos. Houbo unha gran evolución, sobre todo pola concienciación da xente. Antes había o problema da accesibilidade a estes produtos, que só se podían atopar en tendas pequenas e especializadas. Agora están nos lineais de calquera supermercado e grande superficie. 

O prezo é o principal freo para gañar novos adeptos, non si?

A produción ecolóxica é máis cara porque tamén os rendementos son menores que na convencional, estímase que entre un 30 e 40%. Ademais, se tes unha produción pequena e cha quitan das mans podes marcar o prezo. Os alimentos teñen que ser un pouco máis caros, aínda que nalgúns casos hai unha diferenza do 50% ou incluso de preto do 100%. En Alemaña, onde hai supermercados enormes só de produtos bio, o diferencial anda entre o 10 e o 15%.

Son alimentos máis caros porque se tes unha produción pequena e cha quitan das mans podes marcar o prezo

A quen pensa que non hai diferenzas entre o produto ecolóxico e o convencional ou que no vale o que custa a maiores, que lle diría?

A produción en ecolóxico é moi estrita e os produtos que tratan de imitala con etiquetas como a de artesán, de cercanía ou quilómetro cero vexo que están sen controlar. Cando empezamos con isto, no pobo a xente dicía que a súa horta tamén era ecoloxica e o día anterior estiveran coa sulfatadora.

Nun contexto no que as exigencias para coidar o medio ambiente se endurecen, o sector vai con vantaxe.

Si, nós xa estamos limitados. Pero co tema do CO2 de pouco vale producir en Galicia se para vender temos que ir a Alemaña. Tamén por iso defendo a compra pública.

Comentarios